Escuro garaxe de desexo

Escáner_20210220 (2)Ramiro Ouviña O. O rumor espallouse coma un disque e nunca coma unha certeza. Ninguén coñecía ningunha muller que sufrira tal situación, pero todos sabían de alguén que escoitara que lle sucedera a unha coñecida. Era sempre a mesma historia: mulleres que nos días despois do cambio ao horario de inverno, cando as noites comezan ás seis da tarde, mantiñan a camiñada como o exercicio cotián, xuraban que un home, de aspecto estraño e ameazante aparecía, achegábase e desaparecía. Co paso dos días o terror vestiuse coas 256 intensidades do gris. Dependía da hora do día e se a tinguidura se daba na palestra dos bares:

—Boh!, tamén son ganas de darlles voltas ás cousas. Estar non está ben ir por aí asustando a ninguén, pero, carallo!, que queden na casa, ho!, que por non mover o pandeiro uns días non lles ha pasar nada.

Ou no sanedrín do banco de espera da carnizaría:

—E a policía e a Garda Civil sen facer nada, de nada! Ata que non pase unha desgraza non se moverán, non. Se fose para outras cousas que eu sei…, xa estaban revolvendo Roma con Santiago. Seicho eu ben!

Aquela mañá de sábado as redes sociais rebentaron ao ler na páxina do anónimo Xan Rebellón:

—Falta unha muller nova do lugar de Leiriña, e o móbil dá apagado ou fóra de cobertura.

Non fixo falta máis para que a bóla de neve arrasara con todo ao seu paso. De nada serviu que G.C., Policía Local e Nacional informaran o domingo que non se denunciara ningunha desaparición no termo municipal e que en Leiriña non faltaba ninguén.

O luns pola noite, a iso das nove, Fidel chega do traballo e ao mediar a curva dende a que xa pode ver o edificio onde vive, observa como o Jeep de Aurelia entra no garaxe común para os números 15 e 17, e tras dela apura o paso unha silueta escura, alta, con gabardina ou abrigo.

—Ostiá!, pensou. Aí está! E dicían que non era verdade…

—O que anda asaltando as mulleres acaba de entrar no garaxe do 15/17 da rúa dos Voluntarios do Prestige; vai tras de Aurelia, a miña veciña do 2ºD, informou axiña polo móbil.

—Non pode ser!, contestoulle o policía local que recibiu a chamada no teléfono do cuarteliño.

—Arre carallo!, vasme negar o que acabo de ver, ho? Vou entrar polo meu portal, o 15, e deixareino aberto. E tamén a porta de acceso ao garaxe.

Escáner_20210220Fidel abre con moito coidado a porta que dá ao nivel 1, que está xa ás escuras, pois as luces gobernadas por un temporizador acéndense manualmente en cada plataforma. Pon o son do móbil en cero e, arrimado á parede, apalpando con coidado, baixa ao 2, onde sabe que Aurelia garda o seu coche. Teme que a muller xa estea morta pois non escoita ruídos de loita, así que apura o paso o que pode, namentres xura unha e outra vez contra os policías que só saben meter multas pero que nunca están cando se necesitan. Ao acercarse a onde supón, ás escuras, que está a praza, oe, cada vez con maior intensidade, uns  murmurios, unhas queixas.

—Está afogándoa!, pensa. E eses non dan chegado… Teño que facer algo!, decide.

Tremendo, co medo a flor de pel, abre de súpeto a porta e dirixe a lanterna do móbil ao interior do coche.

O que ve déixao pámpano: Aurelia e Henrique, do número 17, nus e abrazados, óllano con estupor.

A Policía Local acaba de chegar ao soto e ilumina a Fidel e ao coche.

4 comentarios en “Escuro garaxe de desexo

  1. Póis non caera na conta dese grande detalle, Ramiro. Penséi que eran simplemente viciños.
    Moitas grazas pola aclaración.

    Saudos palmeiráns. Gústanme moito as túas historias.

  2. Magdalena, o que viu o pobre Fidel foi algo máis que unha sorpresa; tamén foi a certeza dunha perda, dunha desilusión

  3. Dende logo, Fidel tiña unha capacidade ilimitada para a inoportunidade. Vaites, a pobre parella non pudo disfrutar do seu escarceo amoroso fora do ámbito doméstico.
    Xa me imaxino á parella e aos policías ollando para Fidel con manifestos instintos carniceiros.

    Cariñosos saúdos palmeiráns, Ramiro.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *