Enerxía masculina

GY-Robots-para-el-hogar1-e1604668486678-1280x720Marina Losada Vicente. Vaise o meu ser feminino, seino. Ten data de caducidade ou simplemente se desdebuxa no ar, como as nubes se desvanecen sen darse de conta? En sentido inverso e proporcional (signos – e signo +), faise presente en min a enerxía masculina, que esperaba aletargada, conformada nese modo de facer que eu sempre identifiquei como de home. Corpo e mente renegan das tarefas que interioricei como propias e que ata agora me eran cómodas: Limpar, pasar o ferro, abastecer a despensa, cociñar… Mesmo as de índole máis persoal, como o peiteado, o coidado das mans, a escolleita das prendas de vestir. A decoración da casa -cada día máis austera-, a disposición do corpo no sofá, a cadencia do andar…

Transito unha etapa na que reina o meu eu interior masculino e agradecería ter en quen descansar a faceta feminina, tan minguada hoxe. Penso nunha persoa encantada de facer todas esas cousas, necesarias para unha vida tranquila e doce, que é a que me apetece. Por compensación, debera de ser un home, penso, máis, sofren eles o proceso á inversa? Deixan acaso o lugar común masculino para descubrir, cos anos, que lle apetece pasar a mopa?

Non queda a pregunta aberta. Sendo da xeración que son, coñezo as respostas. Acabo de ver a miña: Chámase cansazo. Chegado este punto, atendería a entrada dun robot na miña vida.

6 comentarios en “Enerxía masculina

  1. Querida Marina:

    Penso que a pandemia está a facernos entender o que realmente vale a pena. A non dar importancia a cousas que antes valorabamos demasiado: ter a casa como os chorros do ouro -ou cousas parecidas-. Ainda que eu non me inclúo nese grupo: cando tes doce netos priva o goce de velos xuntos, aínda que diexen as cousas “recollidas”, segundo eles, e logo teñas que poñelas ao teu xeito.

    Pero non só cambiamos os hábitos en relación á familia, tamén están mudando en termos de estranos: neste sentido penso que somos máis humanos. Eu, polo menos, síntome aludida.

    E paro de divagar… Agora vou ver algúns videos que lle fixen ou que me mandan os meus netos (e bisnetos), a mellor medicina para durmir.

    Boas noites.

    1. Eu tamén me sinto máis humana, Carmen. Xa non é unha pregunta nin un desexo. É un feito. Pola pandemia ou a pesar da pandemia. Antes do virus, creo que xa ía camiño de deixar atrás a máquina todo terreo que era. Espero que, ademais, sexa máis humana de humanidade, eso verase co tempo. Bicos

  2. Querida Marina:

    Sinto non ter resposta ao teu monólogo interior. Para min o cambio provocado polo encerro, non está sendo tan acusado. Pode que incluso axudase a mellorar o meu enfoque da vida. Neste sentido, a diferenza de anos é un factor a ter en conta.

    En canto ao coidado da pel, só podo dicir que vivo nun piso coa calefacción máis forte que nas caldeiras do inferno, sen xeito de graduala; e está demostrado que non hai peor inimigo da pel que a calor seca. Si, aínda por riba, botas máis horas na casa e, para remate, coa mascarilla cando tes visitas…

    Teño a sensación de que a máscara cambia a dirección das engurras. Vai ser necesario seguir os consellos de Magdalena e intentar adestrar os músculos faciais para que a expresión non cambie moito. Non Quero imaxinar o día que se poda prescindir da máscara. Hasta pode que nos fagamos adictos.

    Bonitos sonos.

    1. A máscara tapa moitas cousas, Carmen. Incluso hai rostros que saen favorecidos. O que non tapa é como podemos sentirnos, o que pasa polas nosas cabezas. Por poñer un exemplo, o meu “eu” de sempre dime que os cristais están sucios. Moi sucios. Unha vez. Duas. Tres. Catro. O meu novo “eu” dime que non importa. Que non pasa nada. Que de limpalos, non tardarían en estar así outra vez. Así me levantei hoxe, o sol na ventá, con esa alegre suavidade de cando empeza o día. Pensei que era mellor cando aínda era de noite as sete da mañá e saía para traballar sen ver que os cristais estaban sucios. Síntome da máquina que xa non son, por iso pensei nun robot, supoño. E mentras escribo aquí, venme a idea de se non serei agora máis humana. Bicos, Carmen.

  3. Son de natural loitadora, Magdalena. E positiva
    Máis necesito ser unha. Unha. Unha muller. Un persoa. Unha traballadora. Unha. Para levar a vida como a levaba, tería que ser duas da muller que son. Teño que deixar sen facer moitas tarefas. A pena é que non perdera algo de vista para non darme conta. Bicos.

  4. Ai, querida Marina !! Cando chegues á miña idade, non che digo nada.

    Dende que temos a pandemia entre nos, mudei certas costumes e comportamentos. Craso erro ! Un día, botando a miña cotián cremiña facial, notei que as meixelas colgaban máis ca de costume. Pensei na máscara, e por un intre casi lle dou a razón ao noso Mingucho (outro erro máis craso aínda ) e onte a noite antes de ir para a cama, cando estaba dándolle á pel o seu alimento, caín na conta que non a masaxeaba coma antes o facía. Ahí estaba o que dou lugar á decadencia!! Eses 43 músculos ao non ser traballados volvéronse folgazáns por culpa da entrenadora.

    Polo tanto, querida Marina, aínda que muden os tempos, fagamos un pequeño esforzo e loitemos a brazo partido co cansazo e ca rutina, para que esas variaciós corporais e psíquicas no nos achiquen. Xa sabemos que o noso proceso non vai a ser o de Benjamín Button, pero polo menos loitemos. Con mopa ou con robot, loitemos sempre, sen esquecer a FFP2 cando vaiamos a dar un garbeo. Eso sempre.

    Moitos biquiños palmeiráns.

Deixa una resposta a marina Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *