Anotacións

Ilugstración: Belén Rodríguez Pazo
Ilustración: Belén Rodríguez Pazo

María Xesús Blanco. Unha calor asfixiante e a porta pechada. Foron dous pisos. Resultou fácil saltar aquela tarde. Unha decisión rápida. Pouco intelixente, claro. Pero rápida. De súpeto sentín unha necesidade urxente de fuxir. Volveran as náuseas. A cabeza a piques de rebentar. E meus pais traballando arreo no bar. Pensaban que esquecería todo vendo series de televisión, estomballada no sofá. Encerrada entre catro paredes. E mentres eses individuos facendo o que lles petaba por aí. Dinme que debo retomar os estudos. Que hei de levar unha vida normal.  E que debo facer anotacións de calquera cousa que me veña ao pensamento. Anotacións. Hai que tentar secuenciar os acontecementos, dixo a avogada. Como se fora tan sinxelo.  Eu xa lle contei o que lembraba ao policía que me trouxo á casa. Á doutora no hospital, tamén. E despois aos outros na comisaría.  Aos meus pais. Ao psicólogo. A ti.

            Os pés camiñaron seguros pola alfombra do corredor. Podes crelo. Nunca antes pensara en saltar. Pero veume aos miolos por milésima vez aquela noite. Ti non querías saír. Eu quería ir ao concerto do Breixo. Devecía por velo tocar. Insistín unha e outra vez. Varias veces. Diso si que me lembro. Cantos wasaps che enviei? O conto era pasalo ben. Irmos xuntas a algunha parte. Agora non. Quedo na casa as fins de semana. En realidade, todos os días. Non vou ao instituto. Nin tan sequera a  mercar gominolas á tenda do Manolo. Iso si, á consulta do psicólogo cada quince días. E á fisio. Pouco a pouco teño mellor os xeonllos. E o cóbado. Tiven sorte ao caer de pé. Xa sei que foi unha tolería. Nin eu mesma son quen de explicar porque o fixen. Supoño que xa non podía máis!

            Recordo as pegadas desorientadas no asfalto. A necesidade de sentar na beirarrúa polas arcadas. Beberamos dabondo. Eu máis ca ti. Logo o son dunhas risas que se acercaban. Seica, dende o lugar que empezaron a agredirme, ata o sitio onde me atoparon, había uns cincuenta metros. Tento esforzarme pero non son quen de saber como percorrín esa distancia. Nin o que aconteceu nese tempo. Nada. Lembro dicir unha e outra vez o teu nome e que non contestabas. Iso si que o recordo con claridade. E o meu rostro reflectido no espello do recibidor cando abrín a porta da casa. A mirada do meu pai. Isto é difícil de esquecer. Xa vai facer un ano.

            Bebo auga. Fago que durmo. Insomnio. Tomo a pastilla. Bebo outra vez. Quero durmir. Repouso a cabeza no edredón. Zapeo co mando por todas as canles. Falo contigo. Wasapeo. Pouco. Dende que saltei polo balcón non temos conexión a internet. Pensan que me volvín tola por toda a porcallada que estaban poñendo nas redes. Que me importaba iso se o que sentía cada noite era o alento deses noxentos na caluga. Ese olor si que o lembro. E o teu silencio. Xa sei. Sentiches un medo atroz e corriches. Eu tamén o faría se puidese. Dóeme o estómago por dentro. E por fora. Protector estomacal. Vomito. Protector de que?

            Parece que só temos unha testemuña. O señor que escoitou os meus laios e veu auxiliarme. Seica baixara a deixar o lixo. A avogada dime que é unha declaración moi valiosa. Que estea tranquila, que han de pagar polo que me fixeron. E que siga escribindo calquera cousa que recorde. Como se fose tan doado. Recompoñer o crebacabezas daquela noite. Reviso unha vez máis as anotacións. Ti revisa tamén as túas. Mañá verémonos no xulgado.

4 comentarios en “Anotacións

  1. Bos días, María Xesús:

    Forte, moi forte o que hoxe nos deixas aquí. Xa ves, un día que tiña a traza de ser igual ca outro calquera…
    Hai homes que solo nacen para sementales e diante dunha muller non entenden outra actitude máis ca esa.

    Que a protagonista real ou ficticia siga cas anotacións, escribir e ler sempre axuda.

    Un gusto lerte, María Xesús.
    Unha aperta palmeirana.

    1. Ola Magdalena:
      O relato bebe , na súa orixe, de informacións aparecidas en diversos medios de comunicación sobre unha realidade que tristemente todos coñecemos e que nos gustaría fose dun xeito ben diferente. Logo, a magnífica pintura da artista Belén Rodríguez Pazo zumega a verdade dunha dor que a personaxe necesita transmitir para que as cousas cambien.
      Moitas grazas polas túas palabras e unha aperta agarimosa dende Ribeira.

Deixa una resposta a María Xesús Blanco Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *