Algúns erros de esquerda que axudaron a Ayuso

imageIgnacio Castro Rey. Conmove a perplexidade progresista diante dos abafadores resultados madrileños, pero este asombro depresivo provén en parte dun narcisismo cuxas lentes afumadas impiden ver o que é obvio. Non só en Madrid, a xente está farta, moi cansa e querendo volver vivir. A pesar da fácil repetición do tema do coronavirus nos medios, a poboación acabou sentindo moitas outras pandemias: as restricións á vida e á liberdade de movementos, o paro, o aburrimento e a tristeza, a ruína económica… Os bares non son en España só “pan e circo”, que xa non é pouco, senón tamén un dos escenarios antropolóxicos onde se organiza a vida común, afectiva e económica. Se non hai terrazas, nin bares nin cafetarías, a xente tampouco toma un taxi, vai tan facilmente de compras, divírtese e discute de deporte e política, fai negocios e emprende iniciativas de calquera tipo. Tampouco, por suposto, se desafoga despois do traballo, á saída dun estrés laboral que esta bendita sociedade de mileuristas levou ata niveis de paroxismo.

No medio deste panorama os progresistas centráronse en ser a policía do Covid, sumándolle a iso a corrección de seguir cos temas minoritarios en bog. O signo común da nova esquerda é certa presunción elitista, unha vaidade propia de privilexiados urbanos que desprezan canto sexa feo, basto, inculto, poligonero, conservador ou popular. Fixémonos na evolución dos líderes de esquerda neste país, mesmo sen saír do PSOE. De Alfonso Guerra, de Tierno Galván, Leguina, Bono e Pérez Rubalcaba, coas enormes diferenzas patentes entre eles, median abismos ata Zapatero e Sánchez. Non só había nos primeiros unha forte visión do Estado, ausente nos segundos, senón tamén outro nivel de formación humanista e política moi distinto. Ante todo, cos seus mil erros, había na anterior xeración unha sensibilidade cara ao popular que para nada se atopa nesta última. Os actuais líderes socialistas xiran obsesivamente ao redor da axenda previa e selectiva de temas punteiros que, para ocultar a súa incapacidade no común, deben avalar o selo de calidade da súa corrección progresista. GE10P15F2_19940Para compensar a impotencia diante dos retos clásicos dun Estado, a nosa última esquerda ten atopado no minoritario, e nunha revisión vingativa do pasado, a forma de tapar a súa incapacidade diante do envite dunha nación moderna que queira ser algo máis ca unha reserva turística. O mesmo entre Anguita e Iglesias. No primeiro, e en Carrillo, había un profundo compromiso moral e político coa elementalidade das necesidades populares. No segundo, pouco máis que sectarismo universitario adornado de rancor. Neste punto pódese dicir que a disolución dos antigos comunistas en Podemos, disolución que non se fixo sen trampas nin violencia, é unha parte significativa da actual banalidade nacional.

Formada na universidade, no confort de barrios privilexiados ou na consistencia case relixiosa da ideoloxía (que tamén é outro barrio privilexiado), a nosa actual esquerda atopou na pureza de sangue do seu empoderamento, que en realidade non ten principios, a única forma de xustificar o seu sinal progresista, despegado hai moito tempo da inculta e sucia realidade. Como se ten dito, Sánchez “nin sente nin padece”, xamais se sae dun pulcro guión prescrito. Ninguén o imaxina chorando diante de ningún cadáver. E a xente, que non é parva, acaba notándoo. Tanto ou máis cós erros deste goberno na “xestión” (palabra odiosa onde as haxa) da pandemia, pesou a súa manifesta insensibilidade de caste.

Non é a inmensa maioría da poboación a que se volveu imbécil ou se viu empuxada a votar, non se sabe por que misterioso feitizo, “en contra dos seus intereses”. Pola contra, as terrazas madrileñas están cheas de xente de esquerda que aproveita ata a hora límite a liberalidade de Ayuso mentres, nun exercicio descomunal de hipocrisía, a tachaban de irresponsable. A verdade, Ayuso non parece unha radical. 1280px-Investidura_de_Isabel_Díaz_Ayuso_(48553035842)Pouco que ver con Trump, por poñer un exemplo. Simplemente, e isto desarma o noso progresismo clónico, permanece pegada a un vulgar (de vulgo) sentido común. É a isto ao que ela chama “liberalismo”. Probablemente non se poida negar que cometese graves atropelos no campo do público. Pero o seu gancho popular indica algo máis, outra cousa, aínda que non sexa só mérito dela. A nova soberbia da esquerda dixital desprezou en masa a forza popular da súa empatía, a intelixencia da súa básica coherencia. Obrando así, os progres, que tampouco soportan libros críticos como La trampa de la diversidad, ou Feria, servíronlle o triunfo en bandexa.

Hai unha España baleira, vergonzosamente abandonada. Sen solución de continuidade, hai tamén unha España chea, sobre todo de si mesma. Chea, ademais de rotondas, coa inflación dos temas de xénero, coa preocupación polo heteropatriarcado importada dunha elite globalista que vive moi lonxe da “fame e a esperanza” (Zambrano) dos pobos. Sen ir máis lonxe, se máis do sesenta por cento dos homes novos da Comunidade votaron ao PP ou a Vox, iso debe ter algo que ver coa presión que eles senten dunha furia “feminista” que ás veces parece sacada dunha novela de Orwell. Ou nos atreveremos a defender que, de súpeto, como en Andalucía, a xente se volveu fascista?

Regalando continuamente argumentos aos seus rivais políticos, Pablo Iglesias foi unha parte clave do resultado madrileño. E non tanto polos magros resultados do seu partido, coma polo seu papel simbólico e contaminante. Ata o moderado Gabilondo, intuíndo o desastre, tendeulle pontes. Iglesias quéixase, en parte con razón, de ser obxecto dunha campaña de acoso sen precedentes. Pero el mesmo creceu na escola do acoso, a agresión e o desprezo. Antes e despois dos escraches ao redor do seu chalé en Galapagar, Iglesias protagonizou múltiples iniciativas agresivas. Sen remontarnos máis atrás na hemeroteca, lembren soamente aquela marabillosa rolda de prensa, inmediata á súa primeira vitoria electoral, onde chega a insultar, cunha altiveza monárquica, ao mesmo partido co que dicía querer pactar. Se Iglesias se converteu no “chibo expiatorio” desta nación cainita, e non Mónica García, foi porque el, martirizando a medio mundo, facilitou a fondo o labor do seu propio martirio. Gañou mesmo odios entre os seus. E hai que lembrar que xa antes, e incitados por el, houbo outros chibos expiatorios. É tristemente exemplar o caso de Rita Barberá. Xa sabemos que non era perfecta, pero foi acosada e derrubada (incluso os seus a abandonaron) ata ser empuxada á morte. Busquen nalgunha esquina escondida o repaso que dúas semanas antes da súa fin dedícalle Dani Mateo no programa de Wyoming. Cunha crueldade que lembra a unha execución sumaria, asistiremos a uns minutos que xa fan presaxiar a súa morte. Esta nación está metida nun guerracivilismo (palabra que non existe en case ningún idioma) que non ten comparación con case nada. Certa esquerda exquisita ten algo de responsabilidade niso. Non pode un queixarse de “crispación” se antes, aínda que sexa con traxes impecables, sementou tanto odio.

efe_20170707_145405882Para terminar. Esta última esquerda empéñase en esquecer un dos temas cruciais que deu unha proxección nacional ás eleccións madrileñas. Trátase da cuestión da unidade do Estado: para non ofender, mellor non pronunciar a palabra “España”. Cos seus defectos, Guerra e González, Carrillo e Anguita, tiñan o Estado español na cabeza. O menosprezo ao que o someteu a ambición de poder de Sánchez, despois (hai que dicilo) de que o PP de Aznar e Rajoy lle preparasen amplamente o terreo, foi outra baza que a esquerda lle regalou a unha muller que non sente ningunha vergoña de ser española. Ela, como millóns dos seus compatriotas, non está disposta a que esta vella realidade común sexa tamén “deconstruída”.

Pódese imaxinar agora o sorriso despectivo do progresista medio diante destes argumentos elementais, que apenas teñen ideoloxía política e que son compatibles con outra esquerda. Unha esquerda forte, socialdemócrata ou non, pero libre da inercia mediática do sistema. Con todo, ese probable sorriso só anunciará a magnitude das derrotas que veñen. Se a esquerda se empeña en dilapidar o seu patrimonio popular e nacional, alguén terá que facerse cargo do legado que ela xa non lembra. O máis gracioso da situación, e isto dificilmente será recoñecido por ningunha das partes, é que Ayuso triunfou usando á súa maneira unha aposta pola vitalidade e o optimismo, polo arrojo de vivir, que durante moito tempo foi unha insignia da esquerda. É máis ben deprimente que os seus herdeiros, neste progresismo de deseño que quere gobernarnos, se limiten a encerrarse nun discurso endogámico. Noutras palabras, que se limiten a ocultar a súa traizón ás urxencias populares coa repetición obsesiva de mantras de moda, sumados despois a unha memoria partidista do pasado.

6 comentarios en “Algúns erros de esquerda que axudaron a Ayuso

  1. Sen esquecer “algúns erros da esquerda que axudaron a Ayuso” que ti analizas con rigor, ante o “arrase” da política do PP en Madrid, o primeiro que acudiu á miña memoria -e ignoro se hai razóns para aceptala aínda hoxe-, foi esta frase que deixou Rafael Chirbes antes de morrer, e van alá sobre uns seis anos: “Este país apesta a fanquismo”.
    Tamén eu aborrezo a palabra “xestión”. Saúde.

    1. Grazas, Fidel. Non vexo moito resto de “franquismo” en Ayuso, se alguén quería dicir iso. Un dos erros da esquerda foi asociar o PP madrileño a un “fascismo” que os cidadáns da capital non ven. Apertas.

    1. Grazas, Fernando. Non sobrarán apoios. O meu artigo ten un presente máis ben difícil porque non está escrito coa óptica partidista convencional. Fácilmente pode incomodar a uns e outros, nas beiras do espectro ideolóxico profesional. Apertas

  2. Buenos días, Ignacio:

    Estoy completamente de acuerdo contigo, y quiero felicitarte por el temple de poner en negro sobre blanco tus pensamientos.
    Sobre lo que dices de que Pablo Iglesias fue una parte clave del resultado madrileño, yo pienso lo mismo. Un especulador del suelo es un hombre que construye castillos en el aire. Pero los vende. Lo que ocurre es que el tiempo pone a todos en su sitio, y las ambiciones desmesuradas y sin límites acaban desmoronando esos castillos de arena. Si quieres ser honesto, predica con el ejemplo, y no hagas cosas que humillan el ingenio de quien te ha escuchado y creído.
    Cuando ves ciertas cosas se te resquebrajan los fundamentos ideológicos. Habrá que hacer caso de la máxima aristotélica, “En el punto medio está la virtud”.

    El otro día cubriendo el crucigrama de Fortuni, decía esto, ” Su voto no suele ser de castidad” me salió en la respuesta: ELECTOR.

    Un cariñoso saludo palmeirán, apreciado Ignacio.

Deixa una resposta a Fidel Vidal Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>