Olladas instigantes en cor

BY29P1F1_201447Eme Cartea. A coñecida frase de Oscar Wilde afirmando que «nos mellores momentos da arte non había críticos de arte», déixanos espidos diante da crúa verdade. Isto é, que a crítica en nada mellora a creación. Somos prescindíbeis.

Non así o creador, chámese psiquiatra, profesor, poeta, narrador, pintor, ensaísta ou Fidel Vidal. Dende o paleolítico, a sublimación e a simbolización é santo e sinal que nos abre as portas do íntimo abraio. E a esa íntima festa reclámanos Fidel, hoxe como pintor de apaixonada afección, lenta e prolífica, da forma e da cor.

Sabemos das súas querenzas pola escrita sopesada. Ultimamente, a súa inmediatez semella focalizada no debuxo e na pintura, que nos deixa caer como un pan quente a medio cocer, variado de xénero, estilo e técnica. Un amateur reincidente e curioso con vontade de chegar sabendo que o que nos resta de camiño é o que importa. De aí ese interese esbozado polo sketch, polo proceso, coma quen non quer.

Demorámonos nunha peza cuádrupla de catro retratos, de similar estilo mais diversos en matiz, que Fidel Vidal e nós encadramos no expresionismo figurativo de inicios do XX, movemento intemporal e heteroxéneo que é actitude vital e un xeito de ver a arte: persoal, intuitivo, e subxectivo. Máis deformativo ca mimético, con influencias fauvistas e con alicerces na arte primitiva e na medieval (ante todo o gótico alemán), e con ilustres representantes coma O Bosco, Goya, Van Gogh, Francis Bacon, Lucian Freud…

A pintura está vinculada á sociedade onde nace, e nela adquire unha específica función. Nesta composición Fidel Vidal persegue e consegue o mellor exemplo de peza expresionista sometida a liñas marcadas e cores incandescentes, cun gran contido emotivo e simbólico, existencialista e vitalista.

Estes catro rostros, atravesados pola angustia que caracterizou as vangardas históricas cargadas de incerteza, desorientación e medo (Freud, Bergson, Einstein, Guerras Mundiais), fálannos de soidade e miseria, de irracionalismo e deformación emocional da realidade. E de vitalismo; pero pesimista e atormentado. O artista, alienado da súa circunstancia exterior, sente a necesidade de se expresar e procura a conivencia dun espectador cómplice e amigo; de aí a distorsión do real, a violencia arbitraria da cor, as temáticas de mundos oníricos, máxicos, en torno ao sexo, á enfermidade, a morte, o absurdo, o irreverente, o burlesco…

É curioso (ou non tanto) que ao noso Fidel se lle ocorra este lenzo expresionista nun grave clima de pesimismo pandémico e angustia vital coma o que vivimos hoxe en día, en liberdade vixiada, tinguido de crítico escepticismo e perda de confianza nun ilimitado progreso humano.

Fidel Vidal, como bo freudiano, defende a «pulsión de vida», que nos move á creación melancólica e á evocación fraterna da arte como irrenunciábel catarse. Amén!

2 comentarios en “Olladas instigantes en cor

  1. Ben querido Eme Cartea:
    Xa sabes que Pericles durante a peste de Atenas fiou os seus mellores discursos, pero eu non creo que Fidel precise da pandemia para lograr poñerlle cor á vida, ten unha capacidade para usar ben a cabeza chamada TALENTO.
    Castas apertas para os dous.

Deixa una resposta a Fidel Vidal Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *