Urbanismo de supermercado

O hipermercado de Noia e os acceso impóñense coma un corpo estraño na trama tradicional
O hipermercado de Noia e os acceso impóñense coma un corpo estraño na trama tradicional

Pedro García Vidal. Logo de ler o suxestivo libro de Carolyn Steel, Ciudades hambrientas. Como el alimento moldea nuestras vidas, faise inevitable deixarse vencer pola tentación de rastrexar as pegadas da alimentación nas vilas próximas; unha invitación a comprender como muda o territorio que habitamos a partir da súa relación coa comida. Se dende sempre, tal como se afirma, quen controla a comida ten o poder, na actualidade son as grandes empresas alimentarias as que van exercelo dun xeito visible no territorio. Nos últimos anos, urbanismo e alimentación, planificación territorial e cultura alimentaria estableceron unha complicidade mediante a cal foi facéndose visible a fortaleza das grandes cadeas de alimentación para instalarse en espazos ben comunicados, nun primeiro momento na periferia e logo xa no interior do espazo urbano, a pesar do seu forte impacto tanto sobre a mobilidade urbana como sobre o pequeno comercio de proximidade base económica das vilas.

Nas vilas do Barbanza asistimos nos últimos 15 anos a un acelerado proceso de instalación de grandes cadeas de alimentación. Coa connivencia das autoridades locais, os supermercados convertéronse en auténticos axentes urbanísticos, pois co seu poder de presión constrúen anacos da cidade que responden aos seus intereses. Este «urbanismo de supermercado», en feliz definición de Carolyn Steel, modifica planeamentos para instalarse alí onde considera oportuno ou consegue reservas de solo ben comunicado para futuras instalacións, demanda vías de comunicación axeitadas para que os seus enormes transportes accedan sen dificultade e, case sen decatarnos, moitas das varias reformas viarias que teñen lugar na vila e arredores responden a satisfacer as súas necesidades.

As facilidades dadas dende o poder político para a instalación destes supermercados, en moitos casos mediante un planeamento á carta carente de calquera tipo de estudo ou previsión do seu impacto futuro, demostra o poder destas corporacións así como a visión curtopracista duns dirixentes incapaces de analizar os posibles efectos negativos de todo tipo froito dunha proliferación incontrolada desta forma de actividade comercial. Se como afirma a autora de Ciudades hambrientas, a comida moldea as cidades e, a través dela, moldéanos a nós, así como os campos que nos alimentan, está claro que os templos actuais da comida, como son estes grandes supermercados co seu enorme poder, moldean a vila futura a prol das súas esixencias e intereses.

Cos seus pros e os seus contras, o hipermercado representa un dos símbolos da cidade postindustrial e, ante o seu inexorable avance, é difícil impedir a súa presenza nas vilas. Porén, por unha banda, correspóndelles aos poderes públicos, representantes da cidadanía, o defender mellor e maiormente aquel modelo urbano que nos define e representa. A discriminación positiva cara a aquilo que presta singularidade ás nosas pequenas urbes, debería orientar a acción política. Pero tamén, por outra banda, depende de nós decidir cal é o papel que queremos que xoguen os supermercados na sociedade actual. Queremos que a vila-supermercado se impoña? Queremos que os supermercados deseñen a vila en que vivimos? Estamos dispostos a admitir un centro histórico público baleiro de mercados urbanos con produtos de proximidade, a prol dun espazo privado máis cómodo e «barato»? Desexamos a desaparición dun espazo público de relación íntimo e seguro do que xurda un espazo solitario e perigoso, para mercarmos nunha propiedade privada controlada e con servizos de seguridade? De nós depende.

2 comentarios en “Urbanismo de supermercado

  1. Amigo Pedro:
    Eu coa miña alegre costume de fastidiar usando a licenza grega coñecida como “parresía”, aprecio moito o teu traballo pero penso que chegamos tarde a estas reivindicacións, o mundo esta nun proceso apocalíptico on de os seus propietarios nos teñen tendidas terroríficas previsións.

    Quedamos —como ben apuntas—, sen as tendas de barrio, das oficinas onde nos obligaron a deixar os aforros e démoslle a xestión das augas potables, alumeado público e recollida do lixo, as multinacionais, e agora tódolos nosos aforros viaxan a destinos descoñecidos cando antes quedaban na parroquia.

    Vexo moi ben que nolo recordes pero coido que os que mandan agora, son de outra raza.
    Unha aperta admirado amigo.

  2. Bo día. Teño que dicirche Pedro que me interesou moito o teu artigo. En efecto, tal como ti o escribes, de forma moi sutil tanto a paraxe urbana como o das aforas e nós mesmos estamos sendo moldeados case que silenciosamente. Un magnífico texto. Apertas.

Deixa una resposta a Domingo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *