O home dos libros

pexels-photo-4996868Óscar Reboiras. Levo parte do verán coa idea de escribir sobre el. Como do estío quedan máis ben as sobras e ademais, veño de ler O infinito nun xunco, creo que é o momento perfecto para presentárvolo. Cada tarde, se o tempo acompaña (xa sabemos como foron estes meses) e estamos en Rianxo,  imos coa nena ata a praia de Tanxil. E cada tarde, entre as sete menos cuarto e as sete, cando o sol perde folgos, aparece un novo habitante no areal. Eu chámoo o “O home dos libros” porque me fascina. Chega cun sombreiro de palla, unha cadeira de praia debaixo dun brazo, un suadoiro vermello (que o paso do tempo transformou en coral), uns pantalóns con múltiples petos esfiañados, uns tenis Joma verdes, negros e rosas e unha mochila da que colgan, nunha das súas tiras, tal que unha restra de allos, varias pinzas de madeira, desas de colgar a roupa.

O home, ao que lle calculo máis de 45 anos, busca un oco no praia, asenta a cadeira, coloca enriba dela unha toalla tamén descolorida, quita o sombreiro de palla e mostra o seu pelaso longo, saca o suadoiro e a camiseta, fai o propio cos tenis, cos calcetíns e co pantalón e, entón, mete a man na mochila. De aí quita unha bolsa de plástico. Velaí están varios libros, envoltos e e ben gardadiños. “O home dos libros” escolle un e aí é onde entran en xogo as pinzas que colgaban da mochila. Abre o libro por onde quedou, selecciona unhas 50 páxinas antes e colócalles cadansúa pinza arriba e abaixo. Fai o mesmo coas 50 páxinas seguintes. Deste xeito, pon o libro no colo e non se preocupa polo vento; sabe que pode vir unha airexa e levar por diante varios parasoles, pero a súa lectura continuará firme, ben acorada grazas ás pinzas, sen risco de que a súa cuartilla se mesture coas outras que conforman a historia. Loxicamente isto esixe paciencia, porque cada vez que pasa a folla ten que ir quitando e recolocando pinzas, pero faino cunha destreza incrible. Ademais, non tarda moito en aparecer con libros novos, polo que, na miña imaxinación, se trata dun lector voraz.

A raíz de velo cada día, deume por observar a máis lectores. Na praia hai moitos e é fantástico estudalos. Reparei nunha parella maior na que a señora aborda os libros un pouco do través, como se os lentes fosen un filtro que a conduce a outro mundo. Ao carón, o home le movendo os beizos (en O infinito nun xunco descubrín que antes a lectura sempre se facía en voz alta, compartindo cos demais a experiencia). Uns metros máis alá, unha rapaza nova tírase na toalla, boca arriba, estira os brazos e vai movendo o libro no aire conforme o sol avanza cara ao oeste. Vexo tamén lectores que trazan cos seus dedos liñas invisibles para non perder o fío da narración. Observo novidades editoriais e clásicos. Conto máis libros en papel que electrónicos. Detéñome un cacho nunha rapaza que queda a durmir co libro aberto e, cando esperta, un tanto azorada, mira para os lados, comprobando que ninguén a descubrise na allada. E incluso vexo un señor cun libro forrado con papel de xornal, o que me deixa coas ganas de saber que está a ler e se máis ben é novelas policiais ou de históricas.

En definitiva, que me alegra ver os libros libres, desfrutando do sol e da praia, coma veraneantes que escapan da rutina, formando parte da paisaxe xunto cos xogos, coas cervexas e cos xeados. Oxalá nunca deixen de ser un imprescindible da bolsa de praia, un complemento que non pode faltar xunto coa toalla e coa crema solar.

4 comentarios en “O home dos libros

  1. Gosto de ir a Tanxil e darme un baño, pero sóbor de todo para min o millor sentarme e pasarme dúas horas cún libro na man a poder ser novela negra ou histórica.
    Gosto do teu comentario.

  2. Dou fe dos detalles e dos horarios. Cada quen coas suas particularidades. Nestes momentos a ti tócache let contos. Ademsis de escribilos con moito gusto. Boas noites Óscar.

    1. Gosto de ir a Tanxil darme un baño pero sóbor de todo sentarme cún libro na man e pasarme dúas horas a miña bola desfrutar dunha novela negra ou histórica, mágoa que xa remata.

Deixa una resposta a Moncho Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *