Chámome Marina

Morning walk on the beautiful beach in summerMarina Losada Vicente. Faltas nos paseos pola baixa mar. Todo o verán 2021 esperando ver a quen unha canción definía como “fina estampa, caballero…”. Agora, cando remata agosto e non teño a quen preguntar por ti, sinto non ter sido máis sociable. Nos últimos anos formaches parte dunha paisaxe ilusionante para min. Cando paseaba pola praia, cos pés na auga, cruzarse contigo, baixo a viseira que sombreaba eses ollos negros, alegraba o meu día. En todas e en cada unha das voltas.

Cando te coñecín, camiñabas a bo ritmo, igual que facía eu. Cos anos, acompasados, fomos minorando o paso. Tardamos un tempo en saudarnos, ata que nos afixemos o un á outra e viceversa. Ás veces aparecía un neno pequeno, que che dicía avó, co que parabas un tempo a xogar, antes de retomar o paseo en solitario.

Xamais nos acercamos a presentarnos, mais non deixamos de saudarnos e aquel teu sorriso alimentaba en min pequenas historias afectivas. Ata que apareceu, xogando co neto, a túa muller. Algo mudou no meu interior, mais o noso xa era noso e coloqueina, co máximo respecto, baixo a sombra do esquecemento.

Por que non veraneaches este ano en Rianxo? Calquera cousa puido ter sido, mesmo a morte. Non teño a quen preguntar por ti, un home de tantos que paseaba pola praia, cuxa diferencia se agochaba na miña mirada. Non sei o teu nome, nin de onde viñas, nin quen eran os teus coñecidos. Aínda así, fuches a miña lectura de verán durante tanto tempo, que agora síntome baleira.

Mais a ficción é quen de cubrir as ausencias. Igual que fixo cando descubriu que o neto tiña avoa, que colocou amablemente á beira destas páxinas, deixando que a nosa non realidade seguira sendo ditosa, abrirá agora unha vía lonxe da praia, que permitirá que me atope contigo, cada solpor, nun lugar novo e feliz. Iso si, o primeiro que farei será presentarme.

11 comentarios en “Chámome Marina

  1. Marina:
    Preciosa y emotiva narrativa la tuya. Nos hace recordar el ayer, con cierta ternura y nostalgia. A mí me has hecho “rememorar” a una persona que rechacé en su día, aun cuando me dijo: “déjame morir a tu lado”. Hoy, con cierto pesar, lo lamento muchísimo. Se ha muerto el año pasado.
    Me place leerte.

  2. A frase “fuches a miña lectura de verán durante tanto tempo, que agora síntome baleira” paréceme de enmarcar, deses piropos dos que a calquera nos gustaría ser obxecto.

    1. Grazas, Óscar. Por certo, que nos últimos tempos pido sempre libros que me deixen durmir. Do que escribisches este sábado -eu non entrei no café ata o luns- non podería. Non teño corpo para esa intensidade de lecturas. Só co que ti escribiches xa me chegou para non leelo, polo menos nestes momentos. Un saúdo

  3. O meu padrinho o bó, o civil, aquel apadriñoume na promoción de Ciencias da Información que rematei no 97. Só por que se me encasquilloú unha asignatura?
    Vai tí a saber? Iñorancia é beizón, din os sabios, protestantes e, ata hai nada, veciños do bairro global europeo de bandeira azul con 27 e pico estrelas canarinhas.
    O caso é que Manolo O’Rivas agasallounos con esa hora á promoción do 92. O que non sabía é qué me queres amor, que os libros arden mal no país dos comedores de patacas. Nin idea tiña de cómo pintar a lingua das volvoretas co lapis do carpintero, dunha fermosísima vermelha cor unitaria. A cor das añoradas institucións libres de Ensino.
    Así que tentei pintar a mirada de branquiazul. Nun intento por desterrar para endexamais a negra noite de pedra, do tal Opaco ese o innombrable Belcebú, do Desprestixe, do Mariano asnal …e de tantas malas herbas, que trataron de debilitar nós, e desunir nós para fusilarnola liberdade…devida…
    E coma non dei sido boa carpinteira, empuñei un lapis de ollos coas miñas cores corporativas da ialma. Pois PIN, PAN, PUM. Pero foi culpa do lapis que eu non quería. Coma tampouco quixen cando eses porcos de pé violaron o máis sagrado da miña mente, do meu corpo, da nosa cultura, da nosa historia, da nosa lingua. E con esa arma, o meu kohl azul, vinguei o martirio do meu pai. Honrei a súa memoria e denunciei os can astros que quixeron ultraxar a súa herdanza logo de vampirizarlle a vida e os aforros. E non sei se fun ou foi ou será, pero así como poña pé a terra, e teña respaldo, a luz desa vela branca nas páxinas deslumbre e queime sen perdón ós carroñeiros para sempre. Léveos desta terra o vento mareiro.

  4. Teño que ser parca na resposta porque estou escribindo no móbil, ( teño problemas co ordenador) só dicirche que é preciosa a entrada, Marina.

Deixa una resposta a Mónica González Alonso Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>