Robert&Robert: vidas cruzadas

ab67616d0000b273660561ea691a62bed9cdbff0Gonzalo Trasbach. Domingo. 5 de setembro. Tarde sufocante. Lenta e talvez un pouco máis aburrida do habitual. Atopamos en YouTube un afastado concerto do 1971 de Soft Machine, que arranca coa memorable Moon in June. Busco algunha información sobre Robert Wyatt, o cantante e batería dunha formación fundada no 1966 e que xunto con Caravan foron os expoñentes más sobresaíntes do chamado Son Canterbury. No equipo inicial, ademais de Wyatt, estaban Kevin Ayers, Mike Retledge, Hug Hooper, Alan Holdsworth, Daeven Allan, Karl Jenkis, Elton Dean e outros que tocaban como colaboradores ou invitados.

Na busca tropezo cunha composición fotográfica. Na parte dereita está Robert Wyatt (Bristol, 25 decembro 1945) sentado nunha batería espido da cintura para arriba e ten unha baqueta metida entre o pantalón e o corpo. Na esquerda figura o rostro e a  metade do seu busto sen roupa do escritor Robert Graves (Inglaterra, 1895, Deyá 7 decembro, 1985).

Confesamos que nada sabiamos de Graves ata que TVE, (daquela as teles aínda lles ofrecían algo interesante aos espectadores), emitiu a serie Yo, Claudio, da que era autor o británico afincado en Mallorca. Por entón, xa coñeciamos, sen embargo, algúns discos de Soft Machine (máquina suave ou branda), a banda que tomara o seu nome dunha novela de William Burroughts. E se esta serie nos levou até Graves, outra película, O terceiro home, de Carol Reed, que protagonizaban Joseph Cotten, Orson Wells e Trevor Howard, nos achegou ao novelista Graham Green.

Pero tamén a agrupación musical nos arrimou a Graves. De feito,  cando no 1962 Wyatt se instalou en Deyá, preto da casa de Graves, pese a ter tan só 17 anos, algúns máis tarde, tivemos a intuición de que se afincara alí levado pola xorda e teimuda chamada do destino, porque, en efecto, hai vida e historias cruzadas e mesmo traxedias coincidentes nos currunchos onde case ninguén vai mirar.

Vexamos. Lembremos.

aaAbril de 1929. Sete anos despois de que T.S. Elliot publicara A terra baleira, onde di que abril é o mes máis cruel. Pois si. Porque ese mes resultou o máis esgazador para Graves e a súa dona Nancy Nicholson. Por aqueles tempos, ambos compartían casa coa poeta norteamericana Laura Riding (1901-1991) e tamén co poeta irlandés Geoffrey Phibbs. O ambiente estaba cargado. A tensión afeitaba en seco: Laura encaprichada con Phibbs; Graves, obsesionado con Laura, e Phibbs chalado por Nancy.

A atmosfera era espesa, irrespirable e deveu en traxedia: unha mañá a norteamericana anúncialle aos compañeiros que se vai tirar pola fiestra do cuarto andar. Ninguén a toma en serio, agás Graves que trata de impedilo. Nancy reteno. Phibbs nin se move. E Laura di: <Adeus, amigos> e brincou ao baleiro. Robert correu ata o terceiro andar para atrapala. Tamén se lanzou. Caeron na rúa.

A escena racha o matrimonio Graves e certifica a ruptura de Laura con Phibbs. Nin este nin Nancy se inmutaron. O resultado da caída: Graves, ileso; Laura, catro vértebras machacadas e o espiñazo quedou ao aire libre.

Moitos meses máis tarde do incidente, Laura e Robert reapareceron por vez primeira en Deyá (Mallorca), onde viviron até o arranque da nosa Guerra Civil. Entre 1936-39 estiveron en Inglaterra, Francia e Suiza. No 1939 Graves acompañou a Laura ata USA e nese mesmo ano separáronse, dez despois da chegada da poeta e ensaísta neoiorquina á casa do matrimonio Graves. Mentres estiveron residindo en Deyá, recibían a visita dos máis célebres artistas e escritores británicos da época, entre os que figuraba Honor Wyatt, a nai do batería e cantante de Soft Machine.

Na compañía do seu mestre o batería George Neidorf, como xa se dixo, Robert Wyatt aterrou en Deyá no 1962. Arrincara a súa carreira musical no Daevid Allen Trio. Logo pasou por The Wild Flowers, de onde saltou a fundar Soft Machine. Xurdiron desavinzas na banda, entón liderada polo teclista Mike Redledge, que se decantaba cada vez máis polo jazz, e Robert vía cada vez máis achicado o seu espazo para cantar.

aamachAgosto de 1971. Fai agora 50 anos. Wyatt, apartado da banda, fundou Machine Mole (toupa concordante?). E de toupa, a cabeza cuberta cun pasamontañas, presentouse coa nova formación en Rockenstock, o 7 de xaneiro de 1972. De aí en diante comezou o xiro á esquerda do batería, do que dá fe o pequeno “Disco rojo” de 1972, onde lle quere lembrar ao mundo enteiro que foron os rusos e non os americanos os que derrotaron os nazis.

Naqueles días, Wyatt regresou a Mallorca. É máis que posible que a súa nova traxectoria non lle gustase a Graves. Wyatt e Alfreda Benge, a súa muller, coa que casou no 1974, xa estivera vivindo en Cuba, onde gravou singulares versións de cancións populares cubanas, como Guantanamera, entre outras, pero Graves non tivo tempo para comprobalo.

Verán de 1973. No transcurso dunha festa preto de Picadilly Circus (Londres), Robert Wyatt cae desde o cuarto piso dunha casa á rúa, onde se orixinou un tremendo rebumbio. Houbo unha morea de versións sobre o incidente. Resultado: o batería parte o espiñazo e queda hemipléxico. De entre os moi diversos comentarios, recollemos o que di que o pillaron na cama coa muller dun amigo (Deus me libre dos meus amigos que dos inimigos encárgome eu, segundo un dito popular), e Wyatt sentiuse tan avergoñado que ao non ser capaz de mirar para os ollos do amigo, tirouse pola ventá. Sobreviviu, pero quedou atrapado para toda a vida nunha cadeira de rodas.

Mallorca foi o escenario da maioría da produción literaria de Robert Graves. Algunhas das súas obras tiveron unha boa relación co cine. En 1953 rodouse “My Majorca”, cun guión del mesmo, unha cinta recuperada en 2019 (non se atopa nas redes). Anos antes, no 1937, unha novela súa I, Claudius tivo o seu primeiro flirteo coa pantalla. O filme é de Dennis Cavangh e Josef Von Sternberg. O protagonista: Charles Laugthon, como emperador Claudio, e está producido por Alexander Korda, máis nunca terminou de rodarse: primeiro abandonou Sternberg e despois Kavanagh.

aacaluNo 1976, I, Claudius subiu á pantalla no formato dunha serie televisiva, a que moitos lembramos que pasou a TVE. Naqueles tempos aínda lle debiamos algunha alegría á tele. A serie dirixiuna Herbert Wise. En Mallorca cruzáronse dous Roberts. Pero as súas vidas aínda que non o souberan estaban marcadas por unha caída dende un cuarto andar até a rúa: por amor no caso de Graves, que quixo impedir o suicidio da súa namorada Laura Ridding. 44 anos despois, Wyatt lanzouse ao baleiro para non aturar a vergoña da mirada de reproche do seu amigo, unha escena na que tamén se dixo que o pillara a súa noiva Alfreda Benge. 44 anos de distancia: un mesmo destino.

2 comentarios en “Robert&Robert: vidas cruzadas

  1. Boa tarde, querida Magdalena. Resultanme moi gratificantes as túas palabras. Recordas entón o actor que tan magníficamente interpretaba ao emperador romano tatexo. Aí empezou en realidade o fío condutor deste reportaxe. Delicadas apertas.

  2. Bos días, querido Gonzalo:

    Xa sabes que eu de certos grupos non entendo nin papa, pero ler a túa entrada, certamente é unha gozada. Encantaríame saber trasladar ao papel (en este caso ao ordenador) os meus pensamentos para poder falarte de todolos que nomeas pero, as dificultades que conleva a incapacidade do desconocemento é grande. Só podo dicir que é un artigo estupendo. Do que sí me acordo e de Claudio cos seus tics e tartamudeo.

    Un gustazo lerte.
    Unha aperta dende Palmeira.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>