Décimas de segundo

71150219_1Marina Losada Vicente. Cando sobe no autobús interurbano decátase de que lle quedou un libro na marquesiña. Baixa a recollelo e atópase cun veciño, novo na súa vila, que se ofrece a levala. Silvana, que sempre anda axustada de cartos, dille que si.

Xa no coche -arrancou o autobús-, o condutor pregúntalle, amable, se ten présa. El non é de autoestradas, irán pola estrada. A medio camiño, colle un desvío que a rapaza non sabe a onde leva. O condutor dille que non quere atopar a patrulla de tráfico, que sempre busca a maneira de amolar.

Circulan por estradas secundaria e mesmo por unha pista forestal. A moza sente que o perigo lle aperta a boca do estómago. O corazón acelérase. Cada vez que o veciño cambia de marcha nota a súa man na perna. Un roce de nada, mais fai que se encolla no asento, retrotraéndose contra o cristal. Cunha man colle o enganche do cinto de seguridade e coa outra o tirador da porta. Se a cousa se complica saltará en marcha, decide, sen caer na conta de que está posto o sistema de peche automático. Certo que terá que esperar a estar nunha zona habitada e non no medio da nada. O home sente un ruído do que ela no deu conta e aparca o coche…

Silvana colle o libro na marquesiña e corre de volta ao autobús, sen prestar atención a ningunha chamada.

2 comentarios en “Décimas de segundo

  1. Fun unha nena tremenda imaxinativa. Unha “Antonita la fantástica”, persoaxe dunha colección de libros da miña infancia que falaba coas musarañas. De poder facer reconto, igual que das neuronas, atoparía unha mingua importante na falcultade de fabular. A muller que hoxe son suple esa carencia pola realidade, propia ou cercana, que moitas veces, ficcionada, pode parecer fantasía, máis non o é. No caso de hoxe, como en case todos, hai un feito real detrás. Saúdos, Magdalena.

  2. A imaxinación, querida Marina, sempre traspasa os límites da realidade. Disque é un complemento dos sentidos. Ti, tela ben desenvolvida. O teu inxenio non ten fecha de caducidade.
    Unha grande aperta envolta na admiración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *