En espera, un tratado sobre unha violencia perfecta

9788412113662Gonzalo Trasbach. Despois de dous amplos libros anteriores, Ética da desorde e Choiva  oblicua, en cuxas páxinas podemos atopar momentos dunha potencia reflexiva e poética pouco frecuentes, Ignacio Castro Rey (Santiago, 1952) regresa á súa querenza anterior, unha aceda belixerancia con esta normalidade social, falsamente interactiva e horizontal. Castro actualiza agora unha enérxica crítica que se nutre dun optimismo existencial condensado nun formato breve, aínda que non menos contundente: En espera. Sobre a hipótese dunha violencia perfecta ( LaOficina). Perfecta, suxire este ensaio, porque se personalizou, combinando uns malos tratos globais de fondo co espectáculo das identidades narcisistas.

En apenas pouco máis de cen páxinas, o filósofo e crítico de arte compostelán dá conta minuciosa dos últimos fenómenos psíquicos e físicos que nos desarman. Castro comeza por reivindicar a espontaneidade dos encontros, o regueiro silencioso de acontecementos que poidan ocorrer aquí e agora. En espera confía nesa liña de sombra para poder ser intransixente coas programacións construídas, que desactivan as vidas. Todo iso no medio dun poder social cada día máis  multiforme, previsto xa por Foucault e  Deleuze, por Agamben e  Tiqqun.

Nesta pandemia que segue axexándonos, non deixou de redobrarse unha nova forma de “estatismo continuo”, aínda que con aires  crecentemente moleculares. Ignacio Castro tentea un complexo diálogo político co noso actual progresismo alternativo, que neste libro preséntase como a substitución do sistema, un caudal de sangue fresco que encheu as veas do capitalismo tardío.

 En espera rexeita o noso odio cultural á “desorde” da vida común, tamén a persecución occidental de todo aquilo que lembre a unha existencia primaria. Ao mesmo tempo, Castro renova a reivindicación dunha independencia persoal capaz de facer fronte á febre normativa dunha sociedade que, no seu  nihilismo, apenas cre en nada espontáneo e terreal.

descargaO autor do tamén recente Sexo e silencio denuncia no libro que nos ocupa a desaparición da responsabilidade persoal, a retirada dunha ética e unha política dos afectos. Castro entende que asistimos non só a unha deshumanización, senón a unha inflexible vontade de desrealización. Segundo En espera, a masificación tecnolóxica dos nosos hábitos colectivos implica a inxección dun enorme desamparo, que á súa vez alimenta o poder das próteses sociais e tecnolóxicas de  interdependencia. Péchase así o bucle dunha nova servidume voluntaria que ameaza con converternos a todos en inválidos equipados. Marxinados  existencialmente, pero armados cun arsenal espectacular de conexións virtuais.

Esta décimo sexta obra de Ignacio Castro non resulta indiferente para ningún lector. Máis ben todo o contrario. Ou provoca un feroz rexeitamento ou pola outra banda pode causar mesmo devoción. E dicimos isto, porque ademais de lembrarnos os nosos “malos” oficiais (os conservadores, o machismo, os touros, a caza, a contaminación, a homofobia…), subliña unha clase de mal alternativo (a velocidade, os sorrisos obrigatorios, a corrección política…). En suma, o libro denuncia a cultura progresista, pois coloca sempre o mal fóra de nós, nos países pobres e maltratados por Occidente e os pobos humillados ou derrotados (árabes, eslavos…), aos que aspiran a dobregar para imporlles os nosos supremos valores democráticos.

5 comentarios en “En espera, un tratado sobre unha violencia perfecta

  1. Moitas grazas, Gonzalo.
    J.M co antibiótico vai indo mellor. Agora creo que son eu a que está a punto de preludio da pulmonía.
    Bueno, non me fagas moito caso.
    Un bico.

  2. Non sabía que despóis de “Etica da desorde” había escrito varios libros. Eu só teño ese.
    Castro é un magnífico escritor. Cando sepas que os presenta, avísame por favor, amigo Trasbach. Aínda me acordo cando estivemos xuntos en Santiago naquela peculiar presentación en que os acompañantes lle facían unhas preguntas incómodas, é el sabía sair delas con notable desenvolvemento.
    Moitas grazas pola túa entrada, Gonzalo.
    Non esquezas de avisarme.
    Unha grande aperta.

    1. Querida Magdalena, as presentacións ata fai pouco eran cun aforo limitado e non era cómodo inscribirse nin sequera asisitir coas medidas que se tomaban. En fin, non sei que dicir que ti mesma non sepas ou te imaxines. Pero para a seguinte, se é que se produce, tereino en conta. Gracias a ti. Que pases un bo fin de semana e que o de JM non sexa nada importante. Bicos.

    2. Grazas, Magdalena. Si, se cadra por culpa da pandemia, escribín máis que nunca neste derradeiro ano. Publiquei “En espera” en maio e “Sexo y silencio” en setembro. A vindeira presentación de do segundo é o 10 de novembro, ás 8 do serán, na librería Follas Novas. En espera preséntase o 15 de decembro en Santiago. Xa te aviso. Reitero as grazas polo teu interés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>