O estraño caso do roubo dun violonchelo

unnamedMarina Losada Vicente. -Levo o violonchelo para a casa. Aquí tes os cartos e a propina. Faltan dez minutos para que peches. Mañá á primeira hora, se eu non estou na porta co instrumento, fas caixa e dás entrada ao efectivo. Espero que non, pero se teño que devolvelo… Trátase dun agasallo e depende da reacción da miña moza. Se non quere matricularse, o gasto non ten sentido. De ser así, non quero que quede rexistro do meu empeño. Non é como devolver unha saia. No caso de importes grandes a empresa ten unha política de devolución complicada, ti mesmo o dixeches.

A imaxe de muller perfectamente vestida, manicura impecable, o peiteado e o feito de pagar os vinte mil euros, convenceron o empregado. Ademais da comisión pola venda, que el augura que se consolidará, terá os cen euros que lle entrega a clienta pola “complicidade”, que non vai ter que devolver, en ningún caso. Garda o sobre nun andel, debaixo dunha pandeireta, pon a alarma e marcha cantando baixiño.

Esa noite rouban a tenda. Levan o sobre do que o empregado non lle falou a ninguén. Cando entran a policía e os do seguro no negocio, no que o único indicio de roubo foi que saltou a alarma ás 04.00 h. e se detectaron movementos dentro do local, ninguén se explica como na gravación da cámara de seguridade, na que se ve entrar e saír unha figura pequena e delgada, dentro dun pasamontañas, non aparecen imaxes do único obxecto que o dono declara que lle roubaron, un violonchelo 4/4, que dentro da súa funda acada unhas medidas de 160 x 70 x 45 cm. Deciden que se trata dun intento de roubo, a pesar das protestas do propietario do negocio. O empregado non sabe, non contesta.

2 comentarios en “O estraño caso do roubo dun violonchelo

  1. Neste caso é certo que o imaxinei, diante dun escaparate. E tiven ocasión de apuntar a idea, antes de que me voase. Ás veces, pola pereza de escribir ou mesmo gravar, pensando que me vou a acordar… deixo que se me escapen historias como nubes que leva o vento. Saúdos, Magdalena.

  2. Querida Marina:
    Eu penso que serías unha boa “negra” para Agatha Cristie, ou para Alfred Hitchcock. Tes unha imaxinación xigantesca. Fas desfrutar ao lector.

    Moitos biquiños e, esperando pola próxima.

Deixa una resposta a marina Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>