Marina Losada Vicente. O home que entra no comedor é o director do meu cole. Non é un director de músicos como o que vin coa miña avoa. O director do meu cole aplaude, como faciamos nós cando paraba a música. O director do meu cole aplaude e grita silencio para que os nenos e as nenas esteamos calados e poidamos escoitar cando nos chaman polo nome.
A avoa está no propósito de que lle pida a Papá Noel un instrumento. O neno está na idea de ser director de orquestra, si, pero só precisa un pau e un banco ao que subir. E público. Sobre todo público, cousas ambas que non acostuma a ter o saco de Papá Noel.
Diante do escaparate o neto mira unha estación de servizo, con boca de dragón, chea de coches. Nin sequera a batería, co seu enorme bombo, acada a atención do cativo. Como moito, un piano musical que na caixa ten súper heroes. A avoa dille que os directores das orquestras primeiro tiveron que tocar algún instrumento e que estaría ben que escollera cal lle gusta máis. Tarda a muller máis dun suspiro en entender a desconcertante afirmación do neto de tres anos.
-No meu cole temos un director sen instrumentos. Aplaude! É o director dos silencios!
Moi bonito, Marina:
A ti tamén eu che aplaudo por esta “Orquestra sen partitura” polo ben que sabes manexar a batuta da escrita.
Da gusto lerte.
Mil biquiños palmeiráns.
Grazas Magdalena. Bicos.