No mar dos Areos

A peza «Pedra» ten unha breve incisión executada pola man do artista

A peza «Pedra» ten unha breve incisión executada pola man do artista

Manuel Teira. Hai veces que a memoria non se sostén. Acontece coma co tempo, todo fica moi aló, coma se ese percorrido vital xamais se puidese desandar, coma se todo perdurase no silencio, e entón algo nos sacode e xorde esa físgoa perforando o ébano, os penedos… Algo resucita, como se un fogonazo de luz nos traspasase os ollos e, daquela, todo volve ser novo: a paisaxe, as estancias…; os camiños transmútanse e volve a presenza, os pasos sobre a praia dos Areos, na Pobra do Caramiñal, e o esquecemento esvaécese. Pero a resonancia devólvenos a Mon Vasco, pisando, o escultor que viviu e creou un mundo propio xunto coa súa dona, Ana Lacasta, no barrio dos cataláns, e que hoxe torna nesta sección das Letras da arte.

Obras en granito

O granito do Barbanza muda ese concepto no que o ébano e a súa experiencia africana primaba, ao través da Bolsa da Fundación March e, neste contexto, xorden as súas obras en granito, de formas piramidais, totémicas e, no caso da peza que nos acompaña, Pedra, redonda, sensual, cunha breve incisión executada pola man do artista, así, natural e salvaxe, coa textura primitiva e ancestral das pedras de Couso ou da Curota.

Volve na súa obra esa pescuda cara ao novo, cara ao primitivo. Hai un proceso de cambio que dimensiona a súa arte a unha escala máis presenzal. Con Pedra, o título narra moi ben a expresión do artista, a orixe, o confluir do tempo, a admiración pola arquitectura da natureza.

Con esta obra expón en Atlántica, movemento do que Mon Vasco foi cofundador, exposición que se mostra no Pazo de Xelmírez en 1983 cunha gran repercusión, pois revoluciona os cimentos dunha arte galega que racha co pasado para situarse á altura da arte europea. E neste paso de xigante está o noso escultor cunha linguaxe heteroxénea ao través do granito, minimalista, incisivo e universal.

Nos anos 80 Mon Vasco, recibiría o encargo dos seus amigos, María e Amador, de deseñar o que logo sería o mítico pub Xardín Umbrío, todo un rachamento co clasicismo e que perante anos foi punto de referencia para a hostalaría da comarca.

Recuperar a súa memoria, o home, o gran escultor que foi Mon Vasco, e poñer en valor o seu legado. Ou, en palabras súas: «Rematar o que faltaba, no mundo da arte», como compromiso coa cultura do país que el tanto amou.

3 comentarios en “No mar dos Areos

  1. Boas tardes, grazas Gonzalo Trasbach e Magdalena a dos saúdos palmeiráns. A memoria está para recuperar e resucitar o esquecemento, e lembrar é volver a vivir e colocar pedras sobre ese edificio que o tempo vai deteriorando. Moitas grazas e teñades un día espléndido de luz, e un Nadal cheo de Felicidade..

  2. Bo día, amigo Teira. Encantoume esta crónica sobre a peza artística e sobre o seu autor, ao que non coñecía. Como se di na miña aldea, está o vello a morrer, e segue a aprender. Gracias por esta magnífica aportación. Aperta forte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>