O descrédito do urbanismo

B15D1048Pedro García Vidal. As paisaxes, como as persoas, teñen memoria. O tipo de fotografía que ilustra este escrito —que podería obterse sen dificultade en calquera das vilas e cidades costeiras entre Ribadeo e Tui— responde a un modelo de urbanismo depredador que concibe o espazo como unha mercadoría. A paisaxe resultante é todo un tratado sobre o que non debera facerse. O balance do urbanismo responsable da paisaxe actual das nosas vilas e cidades é imprescindible para non repetir os mesmos erros que conduciron a un presente insatisfactorio.

Foron os principais axentes construtores e a especulación inmobiliaria, guiados sempre polas teorías «infalibles» de arquitectos e urbanistas, as que conformaron e determinaron o modelo de crecemento da vila-mercadoría. Foi o urbanismo de gabinete imperante o principal causante dos estragos visibles.

Vila nova

Os efectos perversos sobre a paisaxe construída son todo un compendio dos males dese urbanismo de «ordeno e mando». O resultado foi un ataque a todo aquilo percibido como vello ou degradado a prol da idea de «vila moderna». Iso favoreceu a creación dunha vila nova en formigón que viña substituír as casas unifamilares primitivas. Ignorábase a riqueza urbanística previa en forma de pequenos núcleos habitados que dotaban de identidade e singularidade eses espazos, para substituílos por bloques uniformes en altura e volumes esaxerados que fagocitaban o modelo territorial tradicional.

Como consecuencia da aplicación dese irracional modelo de crecemento urbano, e logo dos innumerables casos de corrupción relacionados co urbanismo, a planificación convencional e o emprego de plans e normas para regulamentar o uso do solo caeron nun total descrédito. Na cidadanía foi instalándose progresivamente a idea de que o urbanismo é algo imposto dende arriba. Na rúa fálase do planificador tecnocrático, que deseña a cidade en función dunha serie de intereses diversos. Déixase de lado a xente. Ninguén escoita as persoas que viven nos barrios.

O tempo do urbanismo autoritario está rematando en Occidente. Un coro de voces críticas, cada vez máis numeroso, demandan un modelo radicalmente diferente.

Novos principios

Escollo o interesante e suxestivo libro La ciudad de los cuidados, de Izaskun Chinchilla, e asómome ao seu relato sobre a nova maneira de entender o urbanismo. Por unha banda, a irrupción da sustentabilidade como un principio central do novo urbanismo, vén substituír ese modelo expansivo caracterizado por unha mobilidade motorizada individual, con ilimitada liberalización do solo, pola idea de cidade compacta, mixta, diversa, respectuosa co medio ambiente e máis humana.

Ao mesmo tempo, para que exista esa cidade dos coidados, as e os cidadáns deben ostentar o dereito a coñecer e contribuír na construción das evidencias empíricas coas que debe deseñarse a cidade. Igualmente, aos urbanistas esíxeselles que o novo modelo urbano sexa compartido cos auténticos titulares do dereito á cidade que son os cidadáns. En definitiva, participación e compromiso por parte de técnicos e cidadáns. Esta idea tan simple e tan complexa comeza sobre todo por escoitar.

Superar os grandes desafíos actuais como a pandemia, o cambio climático, a desigualdade ou a fraxilidade económica supón afastarnos dos modelos que nos conduciron ao desastre actual. En urbanismo estamos ante unha opción simple: seguir apoiando un vello urbanismo especulativo e fracasado de costas ao futuro, ou substituílo por un novo urbanismo de consenso na procura dunha vila máis fermosa e sustentable. De nós depende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>