Ulises, centenario

1507-1Gonzalo Trasbach. O centenario da obra máis polémica e afamada de James Joyce, a monumental Ulises cumpre 100 anos o vindeiro 2 de febreiro. Con motivo do seu centenario os devotos e admiradores do xenio irlandés, poderemos celebrar a efeméride mercando a reedición que, ilustrada polo pintor Eduardo Arroyo (Madrid, 24 de febreiro 1937-14 outubro, 2018), Galaxia Gutenberg porá á venda o día 19. Paralelamente, a editorial Lumen publicará unha reedición da tradución que José María Valverde (1926-1996) fixera en 1976 para o mesmo selo.

O libro do escritor dublinés vira a luz por vez primeira de xeito completo no 2 de febreiro do 1922, despois de esquivar numerosos atrancos: censuras, prohibicións e ser acusado de impío, pornográfico, demoníaco… Actualmente goza de moita reputación en todo o mundo. Mais entre nós, aínda que son moitos os que din coñecelo, poucos son os que realmente o teñen lido.

O volume que Lumen porá nas librerías, aínda que baseado na tradución de Valverde, ten un carácter especial: está revisado e actualizado polo editor e crítico Andreu Jaume, que á vez escribiu un novo prólogo para esta celebración centenaria, onde lle chama a Joyce  <virtuoso do idioma inglés>. Convén lembrar que naquel 2 de febreiro de 1922, o autor acababa de chegar aos 40 anos de idade.

Os protagonistas principais desta Odisea moderna son un mozo con aspiracións de chegar a ser un artista chamado Stephen Dedalus e un “don nadie”: Leopold Bloom, un axente publicitario xudeu de 38 anos emigrado a Irlanda. A odisea consiste nun percorrido polas rúas de Dublín. A comitiva de persoeiros da máis diversa pelaxe arranca ás oito da mañá. Stephen e Bloom póñense en marcha cada un pola súa parte, pero conflúen nun momento determinado do atardecer e regresan xuntos á casa do axente publicitario, a quen agarda, xa na cama, a súa muller Molly, pasada a medianoite do 16 de xuño do 1904, data que desde 1954 todos os anos se conmemora como o chamado Bloomsday.

James Joyce empezou a escribir este voluminoso libro, ateigado de incomparables momentos poéticos, en 1913 e non o rematou até 1922, o ano volcánico da literatura occidental, pois no transcurso dos seus días saíron á luz traballos de enorme calado: T.S. Eliot (A terra baleira), Virginia Wolfe, Wittgensteibn (Tractatus) e Rilke entre outros. O século XX  arrincou co fervor  das vangardas e, xa cando o 1922 entraba na súa recta final, faleceu Marcel Proust (10 de xullo, 1871-París, 18 novembro, 1922).

Un 2 de febreiro de 1882 nace James Joyce nun barrio de Dublín e no seo dunha familia fondamente católica. É dicir, veu ao mundo no Día da Marmota, mais entre nós é a Candeloria, a xornada na que casan os paxaros. Pero hai que subliñar que a obra saíu á venda polo enorme esforzo que realizaron numerosos amigos do autor, de xeito moi destacado un grupo de mulleres, entre as que se atopaba a editora Sylvia Beach, a propietaria da librería parisina Shakespeare and Company.

7352f4688c2b99fdae2569593b58f146Cando no 1976 se publicou en España, José María Valverde, dixo para animar os lectores, pois xa se escoitaran voces falando da dificultade para ler unha obra tan complexa, isto: <só hai que deixarse levar polo poderío musical e ambiental da súa palabra>.

Sen embargo, o ruso nacionalizado norteamericano Vladimir Nabokov (1899-1977) só se limitou a sinalar sinxelamente que o <Ulises é a descrición dun só día, o xoves 16 de xuño do 1904; un día nas vidas mesturadas e separadas de numerosas persoas que deambulan, viaxan, sentan, charlan, soñan, beben, executan diversos actos fisiolóxicos e filosóficos, importantes e intranscendentes, durante ese único día e as primeiras horas da madrugada seguinte en Dublín>.

Aquela data quedou inmortalizada na obra do xenio irlandés, que a elixiu para que coincidise coa súa primeira cita con Nora Barnacle na Praia de Syndecove. Nora sería despois a súa muller e infatigable compañeira até que o soterrou no cemiterio de Zurich. A redacción foi longa e tivo lugar en penosas condicións e en tres cidades diferentes: Zurich, Trieste, París. O 17 de decembro de 1940, fuxindo da guerra, regresou de novo a Zurich, e alí finou, 27 días despois, o 13 de xaneiro do 41, estaba a 19 de alcanzar os 58 anos.

Entre nós, o filósofo e crítico de arte e cine, Ignacio Castro Rey escribiu nunha ocasión o que segue: <Ulises é a crónica dun día calquera, a Odisea dun pobo que non ten metas históricas, nin máis obra que a supervivencia diaria no anonimato. Neste sentido, é posible que se trate dunha novela demasiado sinxela para as mentes cheas de datos dos eruditos ou intelectuais. Recordemos, por exemplo: “Sigo adiante. Ceo de ouro que se esvaece. Unha nai observa desde a porta e chama polos seus nenos nun escuro idioma. Alto muro: detrás, acordes pulsados”. Non é isto a antítese dun traballo vangardista, feito desde dentro da intertextualidade literaria? Toda a obra de Joyce recorda unha nova irrupción do vento bíblico sobre nós… Épica dos homes sen fama, infames, Ulises proponnos rememorar o heroísmo dunha humanidade do subsolo, uns orfos aos que só lles queda comprender a orde muda das cousas>.

En suma, ao dicir de Castro, Joyce asocia a divinidade ao segredo interno da frecha do tempo profano. Por iso, no Ulises todo, o seu Non-Todo, ocorre nun día calquera diante dos ollos dun home calquera, Leopold Bloom.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>