As primeiras fábricas de conserva

Noia. Fábrica de conservas La Noyesa.
Noia. Fábrica de conservas La Noyesa.

Pedro García Vidal. A situación da industria pesqueira nos anos centrais do século XIX caracterízase polo paso da salgadura ao tratamento e posterior enlatado do peixe. As primeiras fábricas de conservas que se instalaron en Galicia datan dos anos 40 do século XIX. Na segunda metade do século a salgadura comezou a quedar atrás. Impúñase o estilo Nantes, cocer o produto, enlatalo hermeticamente e esterilizar logo as latas, tal como hoxe se coñece. Daquela existían en Galicia un total de dez fábricas dedicadas á conservación de peixe e outros produtos alimenticios, e dúas destas dez primeiras conserveiras estaban emprazadas en Noia. Unha era a fábrica de Alejandro Carreño e Cía, sita no Malecón de Gasset, no bordo marítimo do recinto histórico no ano 1856. A outra era a fábrica de conservas alimenticias La Noyesa, dos señores J. Caamaño y Cª (Félix García Somoza, sucesor), instalada no barrio do Campo das Rodas, en 1880.

A fábrica La Noyesa, coñecida como fábrica de Caamaño, foi un modelo na súa clase. A histórica edificación –aínda hoxe en parte en pé– simboliza a puxanza industrial daquela Noia que vivía dun mar xeneroso, con industriais emprendedores que converteron as ribeiras da vila nun foco de produción e refuxio de centos de persoas relacionadas co mundo da pesca. O conxunto estaba formado por dúas edificacións alongadas. A primeira, máis próxima á ponte, era a vivenda, con fachada cara á vila, de dúas plantas, na que destacaba a superior con ventás, portas de aire con balcóns e dúas fermosas galerías. A fábrica viña logo, á esquerda da vivenda e nun plano inferior, dunha soa planta con alicerces sobre a marea na que sobresaía un varadoiro para o atraque.

A súa importancia ponse de manifesto no monográfico que a revista El Album nacional, Fomento de la producción española (Madrid, 28 do 11 de 1896), dedica aos “establecimientos J. Caamaño y Cª y sus famosas conservas alimenticias”, onde se recolle ampla información sobre o proceso de produción dunha notable cantidade e diversidade de produtos envasados. Se a sardiña, por abundancia e calidade, ocupa o primeiro lugar, tamén outros produtos teñen cabida na cociña de La Noyesa: atún, bacallau, barbo, ollomol, congro, corvina, dourada, linguado, pescada, muxe, mero, pescada pequena, robaliza, rodaballo, ameixa, lura, lagosta, ostra, polbo, percebe, salmóns, anguías, troitas etc. A caza e as aves de curral teñen tamén o seu lugar: perdiz, lebre, pato, pombiño, paspallás, paxaros e polo. Tamén, a tenreira, a vaca e o porco. Como sinala a citada revista, “coas preciosas caixas da casa Caamaño, e un baño de María para requentalas (as latas en aceite, tomate e estufado deben quentarse ao baño de María e baleirarse logo, en quente, sobre unha fonte ou prato sopeiro para o consumo; os escabeches úsanse en frío), pode improvisarse o máis saboroso dos festíns”.

A descrición de todo o proceso de produción, dende as barcas ata o peirao da casa, pasando pola súa limpeza e preparación con vistas á súa comercialización, pon de manifesto unha industria moderna de primeira liña, modelo para posteriores establecementos deste tipo. Producir un bo produto e barato implica planificar un tipo de fábrica con distintos departamentos segundo as tarefas. É a produción en serie, con man de obra feminina, máis barata e “menos conflitiva” para os empresarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *