Outro chanzo na historia de Noia

O Andel. Os gremios de oficios de NoiaRomán Arén. Juancho López Oviedo (Noia, 1942) publicou o pasado ano unha síntese sobre os gremios noieses, con prólogo do historiador Paulo Nogueira Santiago. Estruturada en tres partes, a primeira leva como introdución unha contextualización espacial, «o lugar onde se enmarca a historia: a bíblica Noela», para estudar logo os antecedentes dos gremios, as laudas gremiais de Santa María A Nova, a situación gremial na Noia de 1576 e a intervención que tiñan na vida social. A segunda parte ocúpase dos xornais dos artesáns e do prezo dos produtos, así como das prerrogativas dos gremios. A terceira, seguindo a Pérez Costanti, Couselo Bouzas e Fabeiro Gómez, dános a listaxe de artistas destes gremios dende o século XV ata a metade do século XIX. Pon o ramo a este estudo unha ampla bibliografía na que teñen gran presenza os historiadores locais (Agrafoxo, Fabeiro, García Vidal, Mariño Reino, Nogueira, Allut). O autor definiu os obxectivos: lembrar o pasado de esplendor de Noia e salientar a importancia de Santa María A Nova e as súas laudas gremiais. Unha síntese breve, clara e ilustrada. Os lectores sabemos que aínda tiñan moita importancia no século XIX as advocacións, as procesións gremiais, as rúas onde traballaban (Besteiros, Pelamios…), a abondosa fidalguía. Unha maneira áxil de acercarnos a un mundo tan importante ata a fin do Antigo Réxime, e un chanzo máis para a historia de Noia.

«Os gremios de oficios de Noia»

Juan R. López Oviedo

C. de Noia (2021)

71 páxinas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *