De nome, Rey

foto-2-dniMarina Losada VicenteEstando embarazada, súa nai coñeceu a un neno ao que chamaban Rey. Preguntou como fixeran, pois naquel país dos anos setenta era obrigado que o nome aparecese no santoral. O día 6 de xaneiro (epifanía do Señor) o almanaque recollía, entre outras, a festividade dos tres santos Reis e, con ese argumento, lograran, na capital de Lugo, inscribilo co nome de Rey (daquela non “existía” o galego nos rexistros civís).

Cando o pai do que ía a ser o primeiro Rey de Rianxo entrou no Rexistro, coa encomenda de “apuntar” o rapaz, o secretario, home escorregadizo onde os haxa, sinalou que, segundo a propia interpretación da norma, iso non era posible. E como o pai se amosou incapaz de defender o tema do santoral, nin quixo ter a responsabilidade de decidir sobre os tres nomes que lle propuxo, o funcionario tirou pola tanxente, como facía tantas veces. Deulle a asinar a acta de nacemento a medio cubrir, pois era a hora de ir xogar a partida, e xa el resolvería.

Así foi como o neno que medrou tendo que explicar en moitas ocasións que tiña por nome propio Rey, no momento en que tivo que facer o seu DNI, tanto el como súa nai souberon que, oficialmente, non era tal, cousa que o pai mantivera en segredo, por non desgustar a súa muller.

Como o secretario do Rexistro xa finara, tocoulle dar as explicacións a quen fixera o mandado. Don Manolo dixo que non se podía poñer ese nome, que non era propio, e que xa vería el como arranxaba o asunto. Vese que non se decidiu por ningún dos tres nomes que me propuxo, eu tampouco me atrevín, e aí están as consecuencias. Datos da partida de nacemento: Baltasar Gaspar Melchor Ferreirós Alcalde. Iso si, os nomes, por orde alfabética.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>