De tal pai, tal fillo, de Hirokazu KoreEda

de_tal_padre_tal_hijo_24777Inés Otero. Ryota Nonomiya, un arquitecto obsesionado co éxito profesional, vive felizmente coa súa muller, Midori, e o seu fillo de seis anos, Keita, ata que un día, logo de recibir unha chamada dende un hospital, o seu mundo interior se esmorece. O importante home de negocios, que vivía só para amasar fortuna e ser cada vez más rico, sufrirá o indicible ante o impacto da insólita noticia. E, para evitar consecuencias máis traumáticas, deberá tomar axiña unha decisión. Así comeza esta conmovedora historia que gañou o ano pasado o Premio do Xurado no Festival de Cannes e o Premio do Público no Festival de San Sebastián.

Partindo dunha situación límite, onde un fillo se converte no núcleo dramático do argumento, o director xaponés, Hirokazu KoreEda, (Toquio, 1962), volve a un dos seus temas preferidos: un conflito emocional como punto de ruptura dos vínculos familiares. Malia a morosidade dalgunhas secuencias, para atrapar o espectador KoreEda presenta unha trama cun clímax ascendente, reflicte con precisión as fendas que xorden nas vidas dos seres retratados, capta con planos curtos e breves diálogos as tensións domésticas e denuncia, partindo do ambicioso comportamento do protagonista, a capa máis exclusiva da sociedade nipona.

de tal padreMalia esta acerba crítica, Like Father, Like Son ofrece nun maxistral plano final a posibilidade de redimirse, é dicir: asumir os fracasos persoais como medio de liberación nun mundo devastador e competitivo, onde, como apunta cinicamente o arquitecto Ryota Nonomiya, “a amabilidade é un defecto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *