Tumbas de poetas e amigos

tumbasX. Ricardo Losada. Nun libro marabilloso, Tumbas de poetas e pensadores, Cees Nooteboom conta as emotivas visitas que fixo ás tumbas de 80 literatos. Eu estiven ante dúas delas (Julio Cortázar e Oscar Wilde) e a pesar do enorme aprecio que teño polas súas obras, non sentín nada. Pásame o mesmo no cemiterio de Rianxo, diante dos panteóns de Manuel Antonio e Rafael Dieste, dous escritores que tamén admiro. Nunca me inquietou esa insensibilidade. Por que tería que sentir algo, nin sequera sei se me caerían ben persoalmente. Así, non me estrañou disentir de case todo o que Nooteboom di na introdución dese libro. Por exemplo: “A maioría dos mortos calan. Pero non sucede así cos poetas. Os poetas seguen falando cada vez que alguén le ou recita un poema por segunda ou centésima vez”. Pareceume unha afirmación fermosa, pero falsa. Coñezo moitas persoas (eu mesmo) que poden testificar que familiares e amigos si falan despois de mortos, e sen necesidade de ir ao cemiterio. Ao contrario que os poetas, que, mortos, xa non falan. Falan os seus textos e, como eles mesmos din, unha vez escritos, pertencen aos lectores. ¿Non é absurdo, xa que logo, visitalos nas tumbas tendo os seus libros na casa?

CEMITERIO RIANXO
Cemiterio de Rianxo

     Outra cousa é visitar tumbas de familiares e amigos. Aí si sinto unha emoción íntima. Abracei as súas columnas vertebrais, vinos rir e chorar coas órbitas dos ollos, andar con tibias e peronés, espremer a caveira para tomar unha decisión difícil. Eses ósos son eles, e viven nas tumbas. Por iso non quero que me incineren: identifícome máis con ese esqueleto sen o cal sería un verme que coas cinzas. E por iso creo que teñen todo o dereito do mundo os familiares de persoas enterradas anonimamente a recuperar os seus restos. Dío moi ben Nooteboom: “Cando se trata de tumbas todo é irracional (…) Nalgún recanto secreto do corazón albergamos a idea de que esa persoa nos ve e dáse conta que seguimos pensando nela”. É certo, pero referido a familiares, amigos e veciños. Dubido moito que eses escritores que en vida non me darían o seu número de teléfono se ilusionen véndome diante das súas tumbas. Tumba_CunqueiroÉ un sentimento recíproco. Se en Galicia fose costume ter as tumbas na horta da casa, como na Bosnia musulmá, a min non me faría ilusión ter enterrados entre as maceiras a Dieste e a Manuel Antonio, como tampouco me faría ilusión dar un discurso académico diante da tumba dun amigo, por moi escritor que fose.

     Wilhelm von Humboldt escribiu nunha famosa carta a Schiller que cando morría un ser querido tiña a sensación de pertencer a dous mundos. Iso é o que me pasa a min cando visito a tumba dun familiar ou dun amigo. Tamén cando leo un libro, pero non cando visito a tumba do autor, por moito que o admire. Quizais amo menos os literatos que Nooteboom, pero gústame crer que boto máis en falta a miña avoa que el á súa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *