Terrence Malick: personaxe e obra

malick 1Gonzalo Trasbach. Ou cae coma Deus ou cae fatal. Non hai termo medio con Terrence Malick. O recoñecemento ou a desaprobación da súa obra, ademais das súas virtudes, excesos ou eivas, baséase tamén na constitución da súa personalidade. Unha personalidade esquiva, propia dun artista que rexeita a exhibición pública, aínda que saiba que esta forma parte do xogo e carrexa algunhas obrigas. Neste senso, os medios reprocháronlle que, co gallo de recibir a Palma de Ouro no festival de Cannes do 2011 polo seu penúltimo filme, A árbore da vida, non comparecese na rolda de prensa para argumentar e defender a película, tarefa que delegou nos actores e nos seus produtores.

Ademais, o cineasta nado en Waco (USA, Texas, 1943) deunos outra sorpresa nos últimos tempos: rompeu os longos hiatos que caracterizaban o seu proceso creativo, entre cinco e seis anos ou incluso dez, como houbo entre Días do ceo (1978) e A delgada liña vermella (1998), para acurtalo ata os 16 meses, o tempo que hai de separación entre A árbore da vida (2011) e To The Wonder, cinta que presentou na Mostra de Venecia no 2012, xusto cando aínda estaba aberto o debate sobre se o primeiro dos filmes antes comentados representaba ou non o cumio da súa dilatada carreira.

malick 2Máis aló destas consideracións, polas que se pode tanto venerar (ou gabar) como odiar a partes iguais o personaxe, o que si parece innegábel é que a súa obra emana unha potente fascinación. E seguramente tamén é un dos poucos cineastas en activo, xunto con Jean-Luc Godard, que causa ao mesmo tempo tantas reaccións enfrontadas. O persoeiro fronte ao mago, ao facedor de imaxes, de formas. Guste ou non o seu cine, gusten máis ou menos as súas películas, o certo é que levantou un estilo moi persoal e innegociábel, que se fundamenta por igual na hipnotización que xeran as imaxes coma no emprego da palabra.

Aínda que nos entusiasme, e moito, Malas terras (1973), a súa xa afastada ópera prima, ou tamén A delgada liña vermella (1998), onde conxugaba tan ben o que se di e o que se pensa coas evocacións que convoca a lembranza bucal e a mestura das voces narrativas. E aínda que  aconteza todo o contrario, como no caso de O novo mundo (2009), o que non ten dúbida é que as cintas que máis poeira levantaron, polo menos entre nós, foron as dúas últimas.

malick 3Lembremos que o autor de Días do ceo (1978) dá forma en A árbore da vida, película embebida dun nimbo de transcendencia na que xungue o íntimo e o universal nun mesmo plano, a imaxes do ceo e a terra, praias onde se reencontran familias separadas pola morte… Con todo, o verdadeiro motor que move a cinta é o conflito humano que a sostén. A disquisición cósmica, máis que unha finalidade, é un xeito de outorgar sentido, un comezo e un remate catártico, a un relato inaprensíbel. O que menos lle preocupa a Malick é a construción narrativa e de personaxes convencionais, o que lle interesa de verdade é dar con sensacións e estados de ánimo, mergullarse na memoria, na imaxinación. Traballar con cachos de felicidade e de medo para logo presentalos libres de prexuízos.

malick 4No caso da tan deostada por parte da crítica internacional e española, To The Wonder, é como se Malick deixase de lado o seu método transcendental da película anterior para tirarse de chupo ao misterioso mar do inmanente. É como se quixera renunciar a fuxida histórico-lírica para mirar de fronte un presente polo que vagan atordados os seus personaxes, preguntándose que puido acontecer para que o seu amor e a súa fe se consumisen. Nesta obra non hai razóns, só accións e soliloquios. A mirada atopa a terra furada por maquinaria industrial, barrios escunchados e homes e mulleres, corpos en xeral, doentes, enfermos. E nesta resistencia a cambiar a ollada, Malick fai boa a evidencia de que non é o mesmo filmar o ceo que unha morea de lixo. Esta é talvez a cinta súa que máis preto está de nós, a máis próxima á nosa realidade, e, talvez por iso mesmo, a que se sinte coma máis estraña. Awesome! Malick.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *