Referencia sólida

pico sacro 1Xosé Manuel Lobato. O Pico é esa atalaia dende a que a realidade semella ficción, o seu cumio érguese sobre o val do Ulla ata unha altitude de  máis de cincocentos metros.

O monte ten un don de beizón para calquera propósito, unha referencia que se adapta a intereses de toda índole, por iso permanece na historia por diferentes episodios acaecidos nos que o gran protagonista foi o Pico Sacro.

Dende tempos ancestrais é o auténtico símbolo para acubillar crenzas e celebrar todo tipo de rituais, un reduto sagrado que se adapta a calquera tipo de necesidade.

Fortificación defensiva, dende o seu cumio domínase un amplo territorio, relatos de castelos e fortificacións varias, mesmo os irmandiños guiados por García Cordo destruíron a fortaleza que a mitra compostelá tiña situada no monte.

Privilexio abraiante escoitar o murmurio do río Ulla na boca do burato dos mouros, nesa harmonía acuosa mergúllase un universo lendario sen par.

Lugar de intenso magnetismo, foi un imán de gran poder para xentes de todo tipo, mais cunha gran dose de curiosidade. A día de hoxe, aínda no monte e na súa contorna permanece a pegada dos oestrinios, romanos e os monxes negros africanos da Granxa.

pico sacroUn escenario destacado merece a raíña Lupa, moradora ou visitante habitual, foi, é e será a auténtica dama e dona do Pico Sacro. Preto da raíña de espírito moura, dende este cumio, só os privilexiados son elixidos para gozar dese pracer que hai que saber gozar. Unha paisaxe impresionante que se visualiza dende este pedestal natural que hai que saber apreciar.

Toda esa paisaxe que se pode admirar dende o alto é o realmente relevante para unha liñaxe de monte senlleira que non renuncia a súa nai natura, unha natureza que non defrauda cando o Pico é ese lugar privilexiado de observación.

Os séculos queimados son silenciosos e fieis testemuñas de incontables reivindicacións sociais e políticas no cumio do monte sacro, pois a entoación de himnos e bandeiras ao ar son actos efémeros que ata o momento escasos logros acadaron. No entanto continúan celebrándose con asiduidade, aínda que os resultados obtidos non sempre sexan os desexados.

2 comentarios en “Referencia sólida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *