Centenario de José Rubia Barcia

rubia barcia 1Román Arén. En 1914 nacía en Mugardos Rubia Barcia, un prestixioso hispanista nos Estados Unidos, pais no que estivo exiliado e onde foi profesor universitario, sucedendo na cátedra a outro galego, César Barja. Antes pasara por Francia e por Cuba, e na illa foi home clave no desenvol-vemento do teatro cubano. Non foi Barcia un erudito clásico, pois combinou o traballo especia-lizado en estudos hispánicos cun labor de xornalista comprometido, dende posicións socialistas, sempre en defensa da democracia e da xustiza social, sempre contra Franco. Pero a vida, moi complexa e rica, de Rubia Barcia foi unha aventura intelectual con moitas facianas: dramaturgo (Tres en uno, 1940, unha das primeiras pezas teatrais do exilio español), poeta en castelán e galego (A aza enraizada, 1981), autor dunha obra única no exilio, Umbral de sueños (1961), que marabillou a Américo Castro e Jorge Guillén, guionista de radio e televisión, colaborador de Luis Buñuel, fundamental na dobraxe de películas americanas ao español en Hollywood, primeiro tradutor de Mao ao español, tradutor de César Vallejo ao inglés…

rubia barciaPara conmemorar o centenario do nacemento deste humanista, o consello da Cultura Galega publica na colección As nosas voces a longa entrevista que en 1985 lle fixo o profesor da universidade compostelá José Manuel González Herrán, cunha interesante introdución: José Rubia Barcia: unha vida contada, no que un só lamenta que non fose máis precisa sobre moitos temas. Aí están moitas pistas sobre o exilio galego e o papel que cumpriron os galegos na historia do hispanismo nos Estados Unidos (González López, Fernández Granell, Iglesia Parga, Martínez López, Guerra da Cal…), que contaba xa con dúas figuras prestixiosas anteriores ao exilio de 1936: César Barja e Erasmo Buceta. Hispanismo ao que colaborou con solvencia Rubia Barcia, con achegas sobre Unamuno, Valle-Inclán, Américo Castro, Rosalía, Cervantes, Lope de Vega, Larrea, León Felipe, Lorca e outros moitos autores, deixando unha gran pegada en moitos discípulos americanos. E non estaría de máis lembrar que Díaz Pardo lle editou en 1983 o volume Mascarón de proa, que reúne os seus estudos valleinclanianos, fundamental para entender as fontes literarias galegas do autor do esperpento, que hoxe, nunha operación de “galeguizar” a Valle, se esquecen. A benemérita editorial do Castro reeditoulle tamén en 1992 Tres en uno e publicou o seu Con Luis Buñuel en Hollywood y después o mesmo ano, ademais de editar a súa poesía en 1981.

Alguén deberá facer no futuro un estudo detallado sobre os hispanistas galegos en América (EEUU, pero tamén Canadá, México, Arxentina…), onde se vería o grande labor intelectual de nomes xa citados, aos que se poden engadir Santamarina, García Salinero, Robles e outros moitos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *