Pepe Cal, un espírito libre que nos deixa

pepe2Antón Riveiro Coello. O venres souben da morte do amigo Pepe Cal, acontecida hai uns días, e non se me ocorre outra cousa que, a xeito de homenaxe, poñer en pasado o perfil dunha entrevista que lle fixemos n’A voz de Barbantia ao noso socio decano, a este sabio comunista de afervoada humanidade que ancorara no Cruceiro de Roo, onde seguía a fabricar soños tranquilos a carón da súa amada compañeira Ita. Pepe Cal era un deses heroes cotiáns que viviron a esgazadura interior da ditadura, envoltos nunha loita e nun compromiso maior ao de moitos exiliados. Porque este home de aire cortés foi alguén que se fixo a si mesmo, como el resumía nunhas palabras que reforzaban a súa ollada limpa “a miña infancia estivo condicionada pola pertenza a unha familia indiana. Meu pai tiña unha xoiería na Habana e case podo dicir que o coñecín cando xa tiña vinte e cinco anos. Fun á escola no concello de Muras, estudei o bacharelato na Coruña e a carreira na facultade de Medicina de Santiago”. Moita vida para tan poucas palabras, pero na humildade as palabras escríbense coas letras dun alfabeto moral que tamén se pode aplicar á súa irmá Antía, esa outra alfaia recoñecida co Pedrón de Ouro pola súa grande achega pedagóxica ao País.

pepenoiaPepe Cal, que semellaba levar no apelido unha predestinación luminosa, tiña a pel abrancazada e unha marmórea nobreza no pelo que lle daba á súa presenza unha fermosura clásica, de deus antigo, capaz de adaptar o seu entusiasmo a calquera idade e de contaxiar o seu dinamismo coma un andazo. Chamaba poderosamente a atención a súa cordialidade, a súa paciencia benevolente e a súa aguzada sensibilidade pola cultura.

pepe freixanesTeño para min que Pepe Cal, coma vello sabio que era, sabía que a mellor felicidade era esa felicidade proletaria das pequenas cousas, e, se ben é certo que en moitos homes da súa idade xa había certa deserción da vida, neste médico entrañable non había cabida para a derrota; el gozaba cunha elástica vontade cada intre do día e non deixaba de ser para todos nós unha alta lección humana, porque Pepe Cal atesouraba non só a experiencia e o alento dunha época de posguerra senón tamén a confirmación de que ningún terror poderá nunca sobre un espírito libre. Que a terra che sexa leve, amigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *