Anos lentos, de Fernando Aramburu

anos lentosXerardo AgraFoxo. Esta novela está ambientada a finais dos sesenta –aqueles “anos lentos” de firmes conviccións políticas e rexas reivindicacións obreiras– cando o protagonista, un rapaz navarro de oito anos vai  vivir cos seus tíos, Vicente e Maripuy, a San Sebastián. Nun humilde arrabalde da capital donostiarra será testemuña da vida miserenta dunha parella que vive atenazada polos problemas económicos e as liortas familiares que os enfrontan –sobre todo– por culpa de dous motivos: a vida disoluta da súa filla Mari Nieves e os encontros do irmán desta, Julen, cun crego nacionalista que o acabará enrolando na banda terrorista ETA.

A novela cóntase de dúas formas diferentes: Por una parte, está o relato narrado en primeira persoa polo rapaz, Txiki, que vai explicando as partes que el considera importantes ou aquelas que prefire obviar. Na outra, aparecen en cursiva unha serie de apuntamentos –posibles diálogos ou descricións– que vai tomando un escritor para levar adiante unha obra que ten como principais protagonistas a uns personaxes secundarios da Historia. Con este hábil e interesante xogo literario, consegue achegarnos á realidade dunha época marcada polas ansias de democracia e a presenza da banda terrorista espreitando coma un voitre no horizonte. anos lentos 2Este último, un tema que el xa abordara no libro de relatos Los peces de la amargura (2006), onde describía a situación de numerosos vascos que vivían ocultos nas cidades de Euskadi por culpa do medo que producían as forzas de seguridade ou a intransixencia que sementaban certos sectores nacionalistas.

Con Os anos lentos Fernando Aramburu (San Sebastián, 1959)  gañou o VII Premio Tusquets de Novela no ano 2012. Unha obra valente, unha prosa sinxela e unha variedade de rexistros narrativos tan interesantes e orixinais que a converten nunha peza de indubidable valor literario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *