El eterno marido, de Fiódor Dostoyevski

el eterno marido 2Inés Otero. Comentan os estudosos da obra deste xenial autor ruso que El eterno marido é unha das súas obras máis logradas. Trátase dunha novela curta e pertence a un dos períodos máis axitados da súa vida social. Nesta época casara por segunda vez, fuxira de Rusia con Anna Grigórievna por culpa dos seus acredores e vivía con displicencia ao redor de certos balnearios de Suíza, Alemaña e Italia deixándose levar pola súa paixón inconfesable: o xogo. Malia estes condicionantes, escribiu El eterno marido en tres meses –din que El jugador a escribiu en dúas semanas– e nun lugar intermedio entre outras das súas pezas maxistrais: El idiota (1869) e Los demonios (1872).

O argumento, con algunhas pasaxes autobiográficas, conta a historia dun triángulo amoroso. Pero neste caso só viven dúas das tres arestas:  Veltchaninov, un burgués en plena decadencia que loita por cobrar unha herdanza; e Pavel Pavlovich, un viúvo apesarado que camiña polas rúas da cidade de San Petersburgo coa súa pequena filla, Lisa, que lle aporta unha dose de inxenuidade –tamén de intriga–  á trama novelesca.el eterno marido 3  O encontro entre estes dous homes provocará que as vellas feridas volvan abrirse. Veltchaninov, que fora amante de Natalia Vasílievna, a muller de Pavlovich, envéxalle a este a vida rutineira que levou coa súa parella. O marido burlado, un home pusilánime e submiso, eternamente namorado da súa dona, vive sen deixar de matinar no amante que tivo Natalia.

Baixo este enredo amoroso escóndese unha historia onde a relación entre o marido e o amante acaban por provocar situacións inesperadas. E, malia que Fiódor Dostoyevski (1821-1881) sempre se preocupou máis por construír personaxes cunha profunda carga psicolóxica, aquí, talvez influenciado polas súas lecturas de autores franceses, optou por unha historia máis convencional, onde o argumento ten máis peso no conxunto da trama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *