Los Buddenbrook, de Thomas Mann

los buddenInés Otero. Cada mes, un clásico. E así rescatei do fondo da biblioteca a primeira obra mestra de Thomas Mann,  escrita cando tan só contaba con 25 anos e lle valeu anos máis tarde o Premio Nobel de Literatura. Los Buddenbrook (1901) narra a historia dunha familia da alta burguesía de Lübeck, a cidade natal do autor. A través de catro xeracións –entre 1835 e 1877– destes comerciantes adiñeirados, podemos comprender como era o seu estilo de vida, os seus costumes e a súa maneira de pensar cando os ventos da revolución democrática de 1848 chamaba con forza ás súas portas.

Como fixera despois coa monumental La montaña máxica (1924), o autor alemán válese dos diferentes personaxes desta familia –sobre todo o conde Johan, Antoine, Thomas, Christian ou Gerda– para retratar unha época moi convulsa: onde o divorcio, o matrimonio, o prestixio social, o diñeiro e a muller, son analizados tendo en conta a mentalidade daquela época marcada polo ascenso social e político que acadou a burguesía despois do inevitable asalto á Bastilla.

Thomas Mann Nobel Prize writerPero, ademais desta sabia e didáctica lección de Historia, imprescindible para coñecer o desenvolvemento do século XIX, o mellor de Los Buddenbrook, é o seu estilo literario,  que a converte nunha auténtica obra de arte. A través das súas máis de 800 páxinas,  vemos como o Premio Nobel (1929) se recrea en aspectos tan prosaicos da vida, coma un xantar, o vestiario ou a decoración dunha casa, ou temas máis transcendentes, coma o paso do tempo ou a  creba dunha sociedade que non sabe analizar os seus fracasos e, ademais,  non repara nas consecuencias da súa enervante  indolencia. Malia que semella que nas súas páxinas non pasa nada, a crítica que realiza desta familia alemá –epítome dun mundo decrépito– resulta devastadora.

 Maxistral!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *