55

55Agustín Agra. O meu talante, lonxe de idolatrías, cae máis ben preto da iconoclastia; porén, non teño mágoa en declararme queipista empedernido…

Hai escritores que son quen de darnos o que os demais non poden, de ofrecernos o que está fóra do alcance doutras plumas por carecer estas da formación precisa, da experiencia vital, ou ben do interese por escribir sobre as temáticas que a nós nos enchen dese xeito tan especial. Pois o conto anda por aí: dende 1990, co iniciático Ártico e outros mares, volvo á obra de Xavier Queipo de forma reiterada e agardo por cada nova achega súa como por auga de maio. Xa que logo, 55 era un libro longamente esperado; despois de todo, canto tempo son tres anos, o transcorrido dende a publicación de Extramunde, o Premio Xerais 2011?. Con esta publicación o autor quixo, por mor de celebrar o seu aniversario, ofrecernos 55 textos cos que amosar o seu lugar no mundo e, ao tempo, facerse e facernos un agasallo.

queipo1Con 55, Queipo demostra unha vez máis ser un creador poliédrico, un narrador de mundos lonxe das categorías taxonómicas empregadas acotío. En 55 hai cabida para descubertas e naufraxios, para relatos coa atmosfera das grandes novelas de aventuras. A lectura tráenos o rescaldo de Salgari e de Conrad, de Stevenson e de Melville… Están os escenarios árticos e antárticos, dende Grenlandia ata as Kerguelen; están o oriente e mais o trópico; o mundo todo de polo a polo, dun punto no arco dun meridiano ata o mesmo punto despois dun xiro de 360 graos; viaxes reais e imaxinarias aquén e alén do Padornelo.

En 55 hai textos impagables; aqueles nos que o autor comete a ousadía de exhibirse nu ante o lector, de amosar sen pudor a súa cerna. Textos que se escriben de noite, en soidade e nun estado enfebrecido, agoniado polos monstros persoais: a dúbida e a incerteza, as preguntas que desacougan…

Ler a Queipo é celebrar canda el a diferenza e o diferente, solazarse co valor da diversidade, coa súa iconoclastia derrubadora de mitos. Queipo e o eterno retorno a Ercher e ás fitas de Moebius, aos mantras repetitivos, á prosa mesmerizante. Queipo facebookQueipo, cos seus textos inzados de cultismos científicos; evitando que perdamos o costume de ler cun dicionario e un atlas sempre preto; Queipo e a ousadía de empregar varias linguas: inglés, francés, portugués, italiano… O que en calquera outro sería pedantería, en Queipo, é puro malabarismo.

55 cohesiona e amalgama as diferentes unidades que conforman o conxunto da súa obra: os textos de carácter máis científico, os relatos e novelas, os de opinión; mesmo a súa veta máis lírica, a súa persoal poética, vese aquí representada. 55 permite observala no seu conxunto, como acontecería ao poñer no revolver dun microscopio un obxectivo de poucos aumentos, mais tamén afondar nos seus detalles tal é como conseguiriamos cunha lente de maior resolución.

Recibo pois estes 55 textos de Xavier Queipo como o que é: un agasallo feito con todo o cariño de mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *