Donovan e Londres na lembranza

donovanGonzalo Trasbach. Os dous primeiros veráns que pasei en Londres coincidiron coas edicións máis potentes e talvez masivas do festival Isla de Wight. No ano 69, cando arribei a Victoria Station –era a primeira vez que saía de Galicia-, a estación de trens máis enorme que vin na miña vida, e iso que o día anterior xa pasara por dúas de París, o coro sonoro que xiraba na miña cabeza era moi limitado: ademais dos cantantes galegos e españois daquel tempo, The Beatles, Rolling Stones, Bob Dylan… e pouco máis. A lista engordou notablemente durante a estancia na cidade que atravesa o Tamesis. Aquel ano, o devandito festival contou coa presenza do autor de Like a Rolling Stone. Entón, a sombra da súa pequena figura era tan alongada que cubría máis da metade da escena musical do globo. Quen non admiraba ou seguía a Bob naqueles días? Tralo seguinte curso escolar, regresei á capital da Perfeda Albión. O cartel do terceiro encontro de Wight era grandioso. Diante de máis de 200.000 almas, entre outros, tocaron: Joan Baez, Jimi Hendrix, The Doors, Donovan, Joni Mitchel, Miles Davis, Leonard Cohen, The Who, Jethro Tull…

donovan 1Naquel primeiro verán, a través dun irlandés compañeiro de traballo, dei con Donovan (Donovan Philips Leitch, 10 de mayo de 1946). Pasaba moitas noites oíndo a radio. Soaban entón con frecuencia nas ondas nocturnas I Threw It All Away e Lay Lady Lay, do Nashvill Skyline de Dylan. Foi tamén o ano do seu primeiro aterraxe en Wight e tamén en Europa e mesmo nese mes de xullo, o día 3, apareceu Brian Jones, o fundador dos Rolling, afogado na piscina da súa casa. Durante as fins de semana escoitaba na habitación do irlandés discos de Donovan. Este xa era coñecido grazas aos éxitos acadados con Catch The Wind, Colours e Universal Soldier. E aínda así, non era quen de quitar de enriba o sambenito que levaba colgado nas costas: o “Dylan británico”. Deste xeito descubrín Sunshine Superman, artefacto que inventou no 1966, un dos obxectos psicodélicos máis brillantes da historia do pop.

En realidade, Sunshine Superman adiantouse ao Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band (1967). Pero problemas contractuais do compositor escocés co seu selo e un arresto por posesión de marihuana retrasaron varios meses a súa publicación en U.K., ficando o disco totalmente ensombrecido polo furacán mediático que causaba cada lanzamento dos Beatles. Aínda que o álbum obtivo un destacado éxito no seu momento, segue sendo arestora pouco lembrado, sobre todo se temos en conta que contribuíu de xeito decisivo a cambiar o horizonte estético de toda unha xeración. Por iso, Sunshine Superman é un traballo que merece ser reivindicado.

donovan3En primeiro lugar, porque é un deses discos no que cristaliza e se resume o espírito dunha época. No estrito eido musical constituíu unha obra sobresaínte da psicodelia, que inclúe ademais elementos da música tradicional india e da música celta e medieval, así como de folk e fíos e “virutas” de jazz e blues. Con botar unha ollada á actual escena internacional, esta mestura de xéneros de distintas latitudes segue totalmente vixente.

Pero non podemos esquecer as circunstancias que rodearon a xestación do álbum. A presenza de Jimmy Page como músico de sesión. A produción e os arranxos de Mickie Most (Animals, Herman’s Hermits…) e as propias cancións: The Trip, escrita logo dunha viaxe de Donovan a Los Angeles presuntamente regado de LSD. Bert’s Blues, estaba dedicada a Bert Jansch de The Pentagle. The Fat Angel, a Cass Elliot de The Mamas&The Papas. E Legend Of A Girl Child Linda, a Linda Lawrence, ex noiva da Brian Jones e actual dona de Donovan.

donovan4Corenta e oito anos despois da primeira edición do disco, Linda propúxolle ao cantautor o desafío de presentar por vez primeira e de forma íntegra Sunshine Superman no Royal Albert Hall de Londres. O 3 de xuño do 2011 Donovan activou de novo a maquinaria psicodélica acompañado pola London Contemporary Orchestra (30 músicos) e polo multiinstrumentista Swan Philips (que xa tocaba o sitar no disco), nunha noite irrepetible, na que tamén actuou Jimmy Page.

O irregular espectáculo viviu momentos inspirados: Three King Fishers, quitaesencia do flower power e da unión sónica entre oriente e occidente: táboa, guitarra e acordes. O set, de case tres horas, alongouse por diante e por detrás, con temas doutros traballos do escocés, cun repaso á súa década máis brillante. Así foron caendo clásicos como Catch The Wind, Colours, Mellow Yellow e Atlantis, con todo o Royal Albert posto de pé. Algúns comebacks só teñen lugar unha vez na vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *