¿Pode un filósofo posmoderno pegarlle a un neno?

filosofo2X. Ricardo Losada. Atopo no paseo marítimo de Rianxo unha amiga que hai anos que non vexo. En canto lle conto que son profesor de Filosofía, dime con acritude que debo estar preocupado: a filosofía nunca tivo utilidade pero agora  menos: os científicos acaban de demostrar que os seres humanos non somos racionais, como din os filósofos, senón irracionais. Despois de sorprenderme de que saque un tema así nun encontro ocasional, decátome que a amiga debe ser a típica persoa que sabe desas cousas polos periódicos. De todos xeitos, é certo. As últimas investigacións neurolóxicas apuntan, como di David Eagleman, a que en todo o que facemos, pensamos e sentimos o cerebro vai case sempre en piloto automático. A mente consciente non ten acceso á xigantesca e misteriosa fábrica que funciona debaixo, e que toma as decisións por nós. Hai alguén na miña cabeza, dixo Pink Floyd, pero non son eu.

      Como esa idea se está popularizando, quixera aclarar tres cousas. Primeira: non hai un só filósofo que non dixese que os seres humanos temos un lado irracional. Platón, que pasa por ser un dos grandes racionalistas, cría por intuición que existía un mundo transcendente máis valioso que este, ao que, por certo, foi por un acto ben pouco racional: morreu dunha enchente.filosofo3 Segunda: hai moitos filósofos que din que o ser humano é irracional. Nietzsche, sen ir máis lonxe, chamáballe puta á razón e dicía filosofar co olfacto. Se lle suscitasen ese famoso problema da intelixencia emocional (unha persoa ten no altar o presentimento de que casando está cometendo un grave erro, ¿que debe facer?), Nietzsche teríao claro: escapar canto antes da igrexa, e non facer nunca un cálculo social ou económico. Terceira, e máis importante: supoñamos que é certo que a maior parte das decisións humanas son irracionais. A filosofía, entendida como crítica racional, sería aínda máis necesaria. Pois, unha de dúas: ou aceptamos que todas as decisións, por irracionais, teñen o mesmo valor (mentir, non mentir; matar, non matar), ou necesitamos un criterio racional para decidir cales desas decisións irracionais asumimos. É o que levan facendo os filósofos nos últimos dous mil cincocentos anos, con bastante éxito por certo, a non ser que creamos máis importante ter internet que democracia ou coches que dereitos humanos.

     Non lle dixen nada de todo iso a aquela amiga. Cambiei de tema e estivemos falando bastante tempo doutras cousas ata que o fillo de seis anos, que levaba varios minutos turrando da nai, deume un puñazo, supoño que culpándome da demora, nun lugar bastante doloroso. Vin as estrelas e levantei a man co instinto de darlle unha labazada. A nai, co instinto de defender a cría, agarrouma. filosofo1Eu podía soltarme (foi o primeiro que me pasou pola cabeza) pero mirei o rapaz e pensei: es un adulto, non podes reaccionar como un neno. Ata recordei que un día lle reprocharan a Sócrates que non respondera unha patada que lle deran, e el dixo: Devolver a patada con outra patada ensina a natureza animal que levamos dentro, e eu non me considero un asno. Respirei fondo, e díxenlle á amiga que con moito gusto retiraría a man, se ela, tras explicarme por que debía comportarme racionalmente, se desculpaba comigo por desprezar a filosofía.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *