Sukkwan Island, de David Vann

david vann1Antón Riveiro Coello. É coñecida a anécdota de como Paul Auster comezou a primeira das historias reunidas na súa Triloxía de Nova York. Seica unha mañá de principios dos oitenta, Auster descolgou o teléfono da súa casa e unha voz preguntoulle se falaba co detective Paul Auster da Axencia Pinkerton. Dixo que se trataba dunha equivo-cación e colgou, pero axiña xurdiu nel a pregunta: E se dixese que si? Para ben da literatura, esa resposta afirmativa viría na ficción dun escritor chamado Paul Auster que se facía pasar por investigador privado nun xogo que acabaría tirándolle a cordura. En Sukkwan Island, David Vann (Alaska, 1966) dedícalle o libro ao seu pai James Edwin Vann. E a realidade é que cando o escritor tiña trece anos e vivía coa súa nai e coa súa irmá en California, o seu pai telefonou dende Alaska para lle pedir que pasase unha tempada con el xa que estaba moi deprimido despois do seu segundo divorcio. David Vann rexeitou a proposta e, ao pouco tempo, o seu pai voou a cabeza cunha escopeta de caza mentres se despedía por radio da súa segunda muller. A partir desta traxedia real, David Vann tamén se fai a pregunta: E se lle tivese dito que si? E a literatura volve agromar desta volta coma un exercicio de exorcismo e redención que, podo asegurar, cativará a quen se achegue a esta proposta dura, demoledora, pero ao mesmo tempo, hipnótica. Gonzalo Perez. 26/9/11. David Vann, escritorE, efectivamente, os protagonistas de Sukkwan Island serán James Edwin Feen, un dentista que vende todo e adquire unha cabaña nunha illa de Alaska, e Roy, o seu fillo de trece anos, que decide pasar un ano co seu pai nese lugar tan solitario e afastado do mundo e da civilización. Este é o punto de partida desta novela breve, precisa, intensa, por veces cortante coma unha navalla aguzada, que nos obriga a ler as súas páxinas coa respiración contida. Non vou dicir máis nada do argumento porque lle tiraría parte do seu engado. Só comentar que está dividida en dúas partes. A primeira excepcional, cun remate tan xenial e contundente que te deixa noqueado coma se recibises unha labazada. E a segunda, é unha viaxe descarnada polo deterioro mental do robinsón. Novela catártica, que nos fala da supervivencia mental e física destes dous pioneiros, esmagados por esa natureza hostil, perigosa, que fai desas paisaxes abertas e preárticas un lugar pechado e claustrofóbico.

david vann3Unha vez rematada a novela non deixa de provocar a miña admiración o feito de que esta fose a primeira incursión na narrativa de David Vann. Hai que ter moito talento para debutar cunha obra tan perfecta. Non é casualidade que moitos sitúen a novela a carón de textos tan excepcionais como Meridiano de sangue ou A estrada de Cormac McCarthy -aos que eu engadiría Intemperie de Jesús Carrasco-, pero a comparanza pode ser temática, non estilística. A economía narrativa e espida que David Vann emprega con acerto neste libro está máis próxima a Hemingway.

En fin, unha novela estupenda que recomendo con paixón. Iso si, non é nada compracente e poida que unha vez lida prenda no noso interior e fique para sempre coma unha cicatriz. Por iso, advirto que a súa lectura implicará termos o horror e a desesperación respirando na nosa caluga durante as súas duascentas páxinas. Pero tamén podo garantir que estamos diante dun texto escrito cunha capacidade tan suxestiva que non seremos quen de abandonar esta viaxe precisa aos fondos da soidade extrema do ser humano. Paga a pena. Magnífica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *