Esponxas indefensas

albert_einstein-con-paraguasX. Ricardo Losada. Utilizo en clase unha idea de Einstein que me gusta moito. Un mozo convértese en adulto cando reflexiona sobre os prexuízos que acumulou ao longo da súa vida e os converte en xuízos. Pais, familiares, profesores, amigos, medios de comunicación fannos aceptar ideas e valores, a unhas idades nas que somos esponxas indefensas, como se fosen os únicos ou os mellores. Sempre lle conto aos alumnos que cando tiña a súa idade (finais do franquismo), os roles de xénero estaban moi definidos. Parecíanos normal, porque así foramos educados, que as nosas irmás recollesen a mesa mentres nós mirabamos a televisión, que se matriculasen en Francés, un idioma sensual, e nós en Inglés, un idioma laboral, ou que tivesen que volver á casa de noite antes ca nós. Cóntolles, como anécdota significativa, que os paraugas dos homes eran negros e os das mulleres de cores. Eu, ese profesor de filosofía que agora lles fala de ser críticos e autónomos, con 20 anos prefería coller unha boa molladura antes que saír á rúa cun paraugas verde, azul e xa non digo laranxa ou rosa. Vós tamén tedes prexuízos dese tipo, dígolles, é moi importante que reflexionedes sobre cales das ideas, valores e costumes que tedes proceden realmente do voso raciocinio, e cales do ambiente no que vivistes. Se o facedes con sinceridade, descubriredes que case nada do que pensades ou facedes é froito da vosa elección.

 mujer_paraguas    Moi bonito. Pero unha cousa é a teoría e outra a práctica, incluso para ese profesor tan xuizoso. O outro día, sen ir máis lonxe, saín da casa preparado para ir correr á praia. Como antes vou a unha cafetería a ler a prensa, e chovía, levei o paraugas (negro, por certo). Despois de correr unha hora, fixen uns exercicios articulares e volvín andando para a casa co paraugas pechado na man por un solitario camiño rural. Ao pouco comezou a chuviscar, pero decidín non abrir o paraugas. A temperatura ambiental e a do meu corpo eran altas, e nesas circunstancias gozo mollándome baixo a chuvia. Seguín andando feliz, ata que, cen metros máis adiante, cheguei á estrada e á civilización. Saltáronme as alarmas de todos os prexuízos. Se non abres o paraugas, reflexionei, van pensar que estás tolo ou que vas de fenómeno pola vida ou que non te duchas na casa ou que a muller non che fai caso e necesitas chamar a atención. Mentres tal pensaba, cruceime cun coñecido que viña no coche.Bailando bajo la lluvia Abriu a xaneliña, sacou a cabeza e dixo: ¡Como te chove! Pareceume unha frase xenial: acertaba no literal, chovíame, e no figurado, faltábame un fervor. Así que non o dubidei. Abrín o paraugas e, como mandan os canons, fun a cuberto para a casa.

     O día seguinte, en clase, tratando o tema da xenofobia, volvín utilizar a idea de Einstein. Recomendeilles aos alumnos que reflexionasen sobre os seus prexuízos. Pero houbo unha novidade. Sentín que tamén me viría ben a min seguir o consello daquel profesor que tan ben falaba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *