A muller do chatarreiro (II), de DanisTanovic

la-mujer-del-chatarreroXerardo AgraFoxo. Este pequeno tesouro cinemato-gráfico de Bosnia-Herzegovina, interpretado por actores non profesionais (Senada Alimanóvic e Nazij Mujic), conseguiu no 2013 o Gran Premio do Xurado do Festival Internacional de Berlín e ocupou un lugar destacado na Sección Oficial do Festival de Sevilla. O  argumento conta unha historia sinxela, dura e veraz:  Senada, a nai dunha familia xitana que vive da chatarra, comeza un día a sangrar e a ter fortes dores no ventre. No hospital comunícanlle que tivo un aborto espontáneo, e recoméndanlle unha urxente intervención cirúrxica, pero ao carecer de cobertura sanitaria, o seu marido, Nazif, tratará de encontrar durante 10 días máis chatarra para vender e lograr os 500 euros que costa a operación.

la mujer del chaDende os primeiros planos, onde se retratan as penosas condicións de vida desta familia anónima dos Balcáns e os problemas que sofren para solucionar canto antes un rutineiro problema sanitario, asistimos ao calvario cotián que sofren catro persoas para sobrevivir entre unha paisaxe nevada e un sistema burocrático de atención médica –máis ben un inferno– que semella cruel e irreal na Europa actual.

la mujer del chatarrero tanovic  el cine de solarisA película, baseada nun episodio real e interpretada pola propia familia protagonista, está rodada con tanta sinxeleza e naturalidade que semella un documental televisivo. Un programa –tipo En Portada– onde a presenza dos nenos (Sandra e Semsa Mujic), os sufridos veciños, os familiares máis próximos, os representantes da comunidade xitana ou os distantes médicos do hospital de referencia, parecen personaxes reais dunha historia que arrepía dende os primeiros minutos pola súa crueza e sinceridade.

Malia a miseria que nos envolve, mentres existan persoas que conten historias coma esta, que dirixiu con mestría Danis Tanovic, estamos a salvo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *