Miss Violence, de Alexandros Avranas

Miss_Violence-614807727-largeAntón Riveiro Coello. O día do seu once aniversario, Angelik envólvese nun sorriso e salta ao baleiro para se suicidar. O motivo deste estraño suceso fica dentro da casa. E a familia non tarda moito en soterrar esta morte voluntaria volvendo a unha existencia rutineira. Isto é o que pon medras na curiosidade dos Servizos Sociais, que deciden facer unha visita a unha familia de aparencia normal, educada e tranquila. Mais axiña agromarán escuros e terribles segredos. Velaí o comezo intrigante desta dolorosa e claustrofóbica película grega de Alexandros Avranas, premiada coa mellor dirección no Festival de Venecia do pasado ano, amais de apañar tamén o galardón ao mellor actor (Themis Panou).

Teño que advertir, antes de nada, que esta película non é puro entretemento nin é apta para estómagos delicados, nin almas sensibles. É unha radiografía da miseria e custa manterse sentado no sofá. O máis sensato sería erguerse e abandonar, pero un coitelo na gorxa retente e obrígate a vela, iso si, pechando os ollos de cando en vez porque poucas veces unha película ispe a maldade dun xeito tan brillante, lento e sutil. Sei que o máis doado sería empregar adxectivos que non estarían lonxe da realidade como desconcertante, macabra, perversa, sórdida, visceral… E esgotariamos o dicionario para cualificala. mis violence 3Con todo, malia a repulsión desa violencia xorda, deses climas sufocantes, desa angustia enfermiza, desa familia envolta no desleixo, no medo e na perplexidade, Miss Violence é unha gran película, valente, de interiores, con planos pechados que nos asfixian e nos fan sentir a tensión dramática dos silencios desta casa, unha gaiola onde a autoridade e a violencia caladas non deixan outra saída que o salto ao baleiro. Durísima, pero boa.

2 comentarios en “Miss Violence, de Alexandros Avranas

  1. Moi interesante esta película, Antón. Poderíase titular “A familia”. Habería outro cualificativo : sinistra.
    Gustoume especialmente o final, cando a nai, ou avoa, dille os que alí están que pechen a porta. Moi bo.
    Tamén a rixidez que presentan as personaxes… moitos detalles máis; que eu comentarista de cinema non son.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *