Entre Beckford e Schwob. A arte contemporánea

nat-tate-un-artista-americanoMiguel Mariño. Edita Malpaso un libro de William Boyd, Nat Tate. El enigma de un artista americano (2014). Escribo libro porque é difícil clasificalo nun xénero determinado: biografía? falsa biografía, ficción? Quizais, superchería. Unha aposta que ten unha longa tradición que parte das Memorias biográficas de pintores extraordinarios (1780) e que pasa polas  Vidas imaxinarias de Schwob, que son libros de cabeceira de Borges e orixe dalgunhas das súas ficcións.

A biografía sufriu un grande cambio no século XX dende que Symons publicou En busca del Barón Corvo, unha peza que conta cómo se fai unha biografía, cómo se “busca” unha vida. Logo virán as anovadoras propostas de V. Woolf, L. Strachey, B. Jarnés ou André Maurois. Pero todos respectaban, agás a Woolf, o “pacto biográfico” (que Lejeune definiu para autobiografía). Pero había outra tradición, a de Schwob, a que “inventa” vidas reais. Nesa familia hai que inserir este libro de William Boyd, unha busca dun pintor menor do expresionismo americano, que viviría entre 1928 e 1960. Disto xa había antecedentes, quizais o máis ilustre o Josep Torres Campanals de Max Aub, que tamén incluía “obras” do artista e manipulaba fotografías. Magnífica falsificación, brevísima, que logrou enganar a Gore Vidal e David Bowie. Pero esta falsificación pon algo moi importante perante os ollos, o estatuto do artista contemporáneo.

nat tateA versión española é de Andreu Jaume e vai acompañada dun intelixente prólogo de Francisco Calvo Serraller (si, o de Babelia), que nos explica moi ben o xénero real ante o que nos atopamos: a novela de artista, na subespecie de relato de pintor. Foi unha novidade do século XVIII, aínda que o tema do artista “deificado” aparecera xa no XVII, paralelo á secularización da sociedade que precisaba encher un baleiro, un baleiro máis aló da razón, o baleiro dos deuses, e qué mellor que enchelo co artista, entendido como profeta, chamán, médium. O Romanticismo vai perfeccionando o tema e chega ás vangardas e o mundo actual. A arte sería pois a derradeira Thule, a única manifestación do sagrado, o artista é heroe e chamán, deifícase, pero ao mesmo tempo aparece un novo abismo: son demasiados artistas a deificar e de aí o esquecemento de moitos (o ideal para unha casta inmortal: os eruditos). Os artistas pasaron á esfera pública, a “celebrities”, pero non cabían todos. E de aí a arte non como eu, senón como outro, o raro, o maldito, o malogrado. E outro paso máis, á morte.

É verdade que hai tamén moito de parodia e de sátira dos “terroristas intelectuais” que forman algunhas elites, da radiografía da idiotez. Pero isto é un elemento máis da posmodernidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *