Babuxa, arte buliciosa de Galicia en Compostela

santiagoXosé Manuel Lobato. Enchoupada e impregnada abre as súas fiestras Compostela a un día outonal, persistente chuviscada sobre a cidade pétrea, a difusa luz dos farois realza e destaca con elegancia o enredo centenario das misteriosas gotiñas, fráxiles e lixeiras nas gadoupas do ar, mesmo semellan insignificantes a título individual.

Sobre o escenario dos mitos e soños místicos, dous protagonistas inmorredoiros, auga e pedra, entes sublimes na súa condición innata de persoeiros senlleiros e sen parangón, nunha actuación imprescindible para Compostela.

Os movementos parsimoniosos, acompasados no interior dunha entropía natural, acaudillados e procurando amparo na colectividade, brincando e gozando nun torrente de idas e voltas, para despois de moito tempo de suspense, entregar a súa diminuta existencia a prol dun espectáculo grandioso.

santiago 3Gozar do prodixio dunha vivencia empapada na cidade de Compostela é grandioso, normalmente a inmortal obra comeza coa desaparición do monte Pedroso, refuxiado nun extenso océano dunha cor abrancazada e un campo magnético irresistible, baixo estes efectos, da existencia e soberanía do Pedroso, nin pegada. Porén, este fenómeno debe ser comprobado no lugar, única maneira fiable para dar testemuña de que o pícaro monte segue no seu enclave de sempre, o mesmo curuto con esa ionización tan forte favorece o proceso de comprobación.

Aqueles ousados e intrépidos exploradores que necesitan da visita á paraxe, constatan e certifican axiña a súa existencia, no regreso á pétrea cidade desaparecida dende o alto, normalmente desconfiados, necesitan e procuran un percorrido ao mesmo epicentro urbano.

santiago 2Epicentro que os reclama coa fina lingua das campás, unha referencia sólida e fiable no pasado, mais hoxe semellan ser un complemento máis a tanta nube que visita Compostela para deixar un carrusel de verbalizacións, un tesouro gasoso galego que se fai realidade sobre as senlleiras pedras de Compostela.

Unha riqueza sen par, un sinal de identidade e auténtico arrolo de mestría, verbalizar con criterio e coñecemento, tanta alegría ou tristura, que depositan sobre as pedras compostelás os especiais nubeiros de toda Galicia.

Babuxa, chuviñada, chuvisca, chuviscada, barruzada, barruxeira, barbañar, enxurrada, zarzallar, froallar, orballar, brecar, poallar, calabobos, marmallar, chuvasco, bátega, ballón, bategada, cairo, chaparrada, miñanada,…chove ou non chove?

Amigos e amigas o reto semella sinxelo, un cento é un obxectivo doado?

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *