A esmorga, de Ignacio Vilar

ESMORGA-cartelA-webAntón Riveiro Coello. O pasado venres asistín á estrea d’A esmorga en Ribeira na sesión das 20’30 h. Para a miña sorpresa, logo da excelente promoción polas redes e as recomendacións entusiastas dos que xa a viran no festival en Ourense, só estabamos nove persoas na sala. Máis xente que outras veces, si, pero pouca cousa para o que se supuña un dos acontecementos culturais do ano, o que me fixo sospeitar o peor. Con todo, a miña predisposición era boa. Sabía que ía ver unha nova adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor, un dos meus autores preferidos e, o que non era menos importante, gravada en galego e por xente de aquí. A esixencia era moita tendo en conta que o argumento e a novela xa estaban debuxados na miña cabeza e non parecía haber moito lugar para a sorpresa. Así que, apagadas as luces, esperei polo comezo e desexei, como sempre desexo cando algo se fai no país, que non me defraudase. E non, abofé que non. Nas primeiras escenas, Miguel de Lira xa se encarga de te introducir na historia cun oficio e unha verdade que se manterá durante boa parte das dúas horas que dura a película. O engado veu primeiro no arrecendo das palabras, nesa fonética que se impuña sobre a música espida dun piano que crea unha atmosfera engaiolante. Escoitar a miña lingua con esa expresividade que tan ben captou Blanco Amor non deixou en ningún momento de me estremecer, nin tan sequera cando falaba Karra Elejalde. a esmorga 2En todo momento pensaba en Blanco Amor e erguía inconscientemente a pregunta de cal sería a súa opinión sobre o deseño dos personaxes e a ambientación da novela. Non me cabe a menor dúbida de que estaría ben orgulloso, aínda que  Socorrito ou calquera outro personaxe secundario el non os imaxinase así. O máis probable é que ficase ben satisfeito coas tres interpretacións “maxistrais” dos actores principais que son o máis meritorio e importante desta película. Non sabería dicir cal dos tres me impresionou máis (talvez o papel de Morris ofrecía unha complexidade maior), pero os tres saen fóra da pantalla e fican gravados na memoria para sempre.

Está claro que Ignacio Vilar, despois de Pradolongo e Vilamor dá un salto cualitativo na súa carreira, e esta película fai concibir moitas esperanzas de futuro para el e para o cinema galego.

a esmorga 3Poñéndonos esixentes de máis poderiamos dicir que hai momentos de excesiva recreación (da que eu gusto, por certo, pero teño dúbidas para os espectadores de fóra. Haberá que agardar por esas opinións, porque o que para nós é pura maxia: a lingua, a paisaxe, a chuvia…, para eles poida que pase desapercibido). O que si teño claro é que ninguén poderá poñerlle un reparo ao movemento constante da cámara, nin á música, nin á impresionante fotografía, nin moito menos ás actuacións brillantes dos tres protagonistas.

a esmorga 4Temos que estar ben orgullosos dunha película como A esmorga que nos conta dende dentro,  sen interferencias nin tópicos, apalpando o espírito do que fomos e do que podemos chegar a ser. Por iso, somos nós, os galegos, os que temos que axudar na construción colectiva dun cinema de noso, acudindo e apoiando iniciativas coma esta que nos fan mellores e máis grandes. Parabéns. Vaian vela. Paga a pena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *