Bo Nadal

bo nadal arboreGonzalo Trasbach. As bolsas da pobreza están cheas, non só polo mundo adiante senón entre nós. Numerosos nenos/as, vellos/vellas pasan fame ou viven na indixencia. Miles de homes e mulleres dormen nas rúas, entre farrapos ou en caixas de cartón. E hai máis de cinco millóns de parados. Diante destes feitos, a pregunta é: podemos falar dos oficios do Nadal ou do ano que acaba e comeza sen sentir bochorno? Porque os datos son tan esmagadores que fenden todo sermón, todo comentario elaborado, dende calquera pedestal, alto ou baixo, que se faga. Son estas datas nas que resoa un antigo dito: “Gloria a Deus nas alturas e paz na terra aos homes de boa vontade”. Aínda que máis visibelmente agora que noutros tempos, só se cumpre na su primeira parte, porque no tocante á segunda o que ten lugar é a mala vontade duns cantos (non moitos), que atormenta aos demais.
bo nadal pesebreComo entón podemos falar do Nadal? Talvez só haxa un xeito de facelo: dende a perspectiva de lembrar o relato dunha experiencia ou dunha epifanía do noso mundo. É esta unha historia que non exclúe outras, pero que tampouco acepta ser negada por outras. O Nadal é un acontecemento: partiu a historia en dous cachos. A boa nova que se nos anunciaba nese acontecemento é o paso da presenza invisíbel de Deus no Tabernáculo á presenza persoal, vista e ouvida na feble e mortal carne dun home. Nese intre, o reino do temor atronador da Nube devén amor, graza, ambigüidade, encarnado na figura de Cristo, home e deus á vez, doce e colérico ao mesmo tempo.
O relato segue vivo entre nós pola forza e a épica que reflicte ou conta o valor e a coraxe dunha muller, María, para levar con orgullo e dignidade un embarazo escandaloso e incríbel mesmo para o seu home. Pero tamén porque nos fala dun alboio onde se atopa refuxio para a intemperie da vida. E da existencia clandestina que leva un neno en Galilea, na periferia de territorio xudeu, onde xoga e vagabundea polas rúas cos seus amigos e traballa co seu pai, un humilde carpinteiro de provincias, antes de arrostrar un destino grandioso ata o inconcibíbel para o que tiña nacido. E ademais nomea un burro e un boi, que aportan o seu cálido alento para resistir o frío da noite, unha noite de pastores e de tres sabios que, guiados por unha estrela, veñen de Oriente con regalos para completar un traxecto que coroa nun intre no que é difícil diferenciar a verdade do goce, da alegría. Un presebe, para selo de verdade, ten que ser un mundo, para que ninguén quede fóra e pase frío.
bo nadal nova yorkPero se escandaloso resultou o embarazo de María, máis escandaloso, ao menos para os gardiáns do establecido, das verdades imperantes daquela e tamén de hoxe (xudeus e xentís), foi que o fillo de Deus estivese chamado a arrastrarse diante dos homes e mulleres. A idea dun Deus destinado á morte, a ser flaxelado, atado, coroado de espiñas, losqueado. Isto é o máis insoportábel: toda existencia para ser redimida ten que pasar polo exilio, o desterro, ten que levar a súa propia cruz. Dito doutro xeito, o que nos revela a boa nova anunciada hai 2014 anos é que a transcendencia da verdade relixiosa comeza neste mundo, na transfiguración deste mundo. Se, en efecto, o amor é por definición relación co outro, inclinación cara ao que queda fóra, o exterior ou descoñecido, fronte ao que xa está dado, a boa nova predica a necesidade da partida, aquel “deixalo todo” do que falaba o Mesías.
Mais arestora a mensaxe do relato cotiza moi baixo nas nosas sociedades. Apenas escoitamos un lene eco daquela historia e daquel neno nacido en Belén, o centro dun relato agora afogado no medio do ruído do espectáculo, do consumo, do luxo desproporcionado e outras moitas delicias e perfumes. Malia todo isto, o Nadal existe para lembrarnos a esixencia de renovar aquela promesa de paz sempre traizoada e de que o mundo se converta nun presebe.bo nadal paz O problema é onde colocalo hoxe en día? Talvez a mellor paisaxe para levantar aquel alboio con aquel neno co burro e o boi dentro sexa a xungla de asfalto das grandes urbes, aló onde se dan a man a miseria, a violencia e a desesperación coa esperanza de homes e mulleres desherdados e desarraigados. Alí onde predomina a secularización máis salvaxe, pero onde tamén xorden as forzas que poden transformar o planeta. Porque o sagrado, sexa cal sexa o sentido que lle outorguemos, hai que buscalo no miolo de cada época, alí onde conviven o perigo e a salvación.
Aínda que durante estes días nos pareza que todo está como suspendido, como entre corchetes, a volta da esquina agárdanos o reino do habitual. Entón, unha vez máis, decatarémonos de que nin sequera nos fixemos mellores que antonte. Non importa. Volveremos empezar de novo. Bo Nadal para todos.

2 comentarios en “Bo Nadal

  1. Como ben sabes, amigo Gonzalo, Nietzsche dicía que o único cristián que existiu foi
    o primeiro. Eu creo que esaxeraba e que as excepcións a esa regra (crentes ou non) seguen sendo unha esperanza. Bo Nadal.

Deixa una resposta a gonzalo trasbach paz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *