Na procura do invisible (III)

A praia das Catedrais ateigada de xente corresponde a unha «paisaxe espectáculo»
A praia das Catedrais ateigada de xente corresponde a unha «paisaxe espectáculo»

Pedro García Vidal. Cada persoa percibe a paisaxe dun xeito diferente en función das súas experiencias, coñecementos ou intereses. A paisaxe que o individuo ve é polo tanto unha paisaxe particular. Só vemos as paisaxes que «desexamos» ver, é dicir, aquelas que responden a unha determinada apropiación da paisaxe xeográfica, as paisaxes de referencia transmitidas de xeración en xeración a través da pintura, fotografía, os libros de texto, ou as guías turísticas e medios de comunicación. Son as paisaxes que se mostran como máis visibles. O que non vemos non existe. Serán para nós paisaxes invisibles.

Joan Nogué, nun escrito titulado Al margen. Los paisajes que no vemos (2008, 187 páxinas) fálanos da experiencia do artista Antoni Abad, como un bo exemplo para demostrar que as paisaxes (visibles e invisibles) se constrúen socialmente e que a mirada da paisaxe é extraordinariamente complexa e nela interactúan moitas identidades sociais diferentes. Abad animou un colectivo de 40 persoas discapacitadas a pasearen por Barcelona e fotografar todos os obstáculos que non eran «visibles» para o resto dos cidadáns, pero que a eles lles impedían levar unha vida normal. En poucos días naceu un novo mapa: a Barcelona visible para uns poucos e invisible para a inmensa maioría.

Mirar para ver obriga a descifrar a linguaxe coa que se expresa o espazo. Precisamos interpretar a lingua secreta na que fala o territorio: comprender a paisaxe que vemos, internarnos na súa esencia, descifrar a súa linguaxe, coñecela por dentro para valorar a súa riqueza e conservar a súa identidade. Podemos aprender a mirar unicamente vendo e observando de vagar.

Na recobrada calma tras da retirada dos que miran pero non ven, as xeografías próximas amósansenos cheas de territorios agardando ser mirados por ollos interesados. Saiamos a descubrilos, acudamos á escola da contemplación a aprender a mirar paisaxes e armémonos de argumentos a prol da súa imprescindible salvagarda.

Pero na paisaxe existen tamén compoñentes que non poden ser captados unicamente pola acción da ollada. Ante un silandeiro solpor atlántico, contemplando a diversidade cromática dunha carballeira ou dun souto na outonía, ou na escoita do murmurio da auga brincadeira nunha das fervenzas ou relanzos dos nosos ríos, notamos a presenza do intanxible. É ese algo que non se ve pero que está aí formando parte da paisaxe: a emoción, a sensibilidade, a tranquilidade, a beleza… Trátase de todo aquilo que non se pode tocar, algo incorpóreo, ideal e abstracto: o intanxible, nunca valorado nas avaliacións de impacto ambiental, malia ser, cada vez máis, un valor emerxente na valoración dunha paisaxe.

As paisaxes a través das sensacións e sentimentos son todo o contrario á «paisaxe espectáculo», tan manifestamente presente nas abraiantes imaxes deste verán na praia das Catedrais ateigada de xente. Saiamos tamén nestes días de antesala da invernía, cando xa os turistas do espectáculo están en total retirada, á procura do intanxible espacial, das paisaxes emocionais e dos sentimentos. Un acto creativo que constrúe novamente a paisaxe na que habitamos, revelando o seu potencial cargado de valores que nos conmoven.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *