Brinco salvaxe

fervenza toxa 1Xosé Manuel Lobato. Camiña o Deza moi devagariño, solermeiro, con inspirada astucia vai deixando pegada nun camiño de recunchos e caprichosas reviravoltas. A súa solemne lentitude semella pausa e quietude adormecida nos remansos, pozas onde descansa baixo as sombras da vigorosa vexetación da paraxe de Carboeiro. Na contorna transpírase tranquilidade e meditación pretérita, por estes lares xacen seres sedentos dunha procura de estabilidade emocional, que nese estadio latente no que permanecen, desexan e necesitan do intenso frescor vital e tamén do murmurio agasalleiro e saudable destas augas remansadas nunha aperta intemporal coa mítica fraga pola que transitan.

Mais o receso é breve e as partículas acuosas senten a necesidade de avanzar, continuar unha senda que as leve a explorar destinos e vivencias, liortas e acordos como o pacto realizado entre os monxes de Carboeiro e o mesmo demo.

Todo un tratado lendario, executado sobre a fermosa ponte medieval dun só arco, neste lugar bucólico foi onde en tempos pasados os monxes deste mosteiro enganaron ao mesmo diaño.

fervenza toxa 3Aquí permanece esa natura vigorosa e forte, unha natureza que colaborou cos monxes, para lograr embelecar a ese demo sempre arteiro. Deste histórico feito son fiables e fieis testemuñas as augas do Deza.

No entanto, río abaixo a constante cantiga de liberdade condiciona o apresurado camiñar das augas dezanas, a resposta a tanta présa, está na ansiedade por recibir como unha gran anfitrioa ás extasiadas, mais felices irmás cantoras do Toxa.

Fastosidade, un triduo constante na estilizada e sofisticada fervenza, un agasallo visual, sonoro e táctil, que se produce nun brinco ao baleiro onde se confunde rocha, auga e son murmurador.

Nesta contorna percíbese esa natura salvaxe de excelsa pureza, milleiros de especies de flora e fauna, amparados e acubillados pola nobreza de árbores de gran porte. Carballos, castaños e sobreiras, agariman a un ecosistema unido polos lazos de familiaridade das partículas acuosas do Toxa coas do Deza, aquí é onde se unen para forman un só ente, con destino e final común.

A fervenza do Toxa é un monumento natural senlleiro, a mesma natura consegue honrala e venerala, recollendo as súas extasiadas protagonistas no albergue das irmás do Deza, tamén no seu último paseo independente, toda a flora e fauna constrúe un halo feiticeiro para renderlle merecida homenaxe.

Harmonía de acordes sinxelos e sensibles na densa bouza, coa beleza espontánea e sen par de tan grandioso espectáculo.

fervenza toxa 2Unha obra orixinal, que dende hai uns anos acolleu na súa escena principal a dramática insensibilidade do ser humano polas patrimonios senlleiros. No decorado aparece na actualidade un estraño e cruel disparate, que racha co encanto de tan artística fervenza.

Tristura para estas augas ter que partillar instantánea cun viaduto de formigón que de cando en vez roxe dende as alturas do ave.

Bágoas e bagullas, tristura que tentan minimizar as saltaricas cunha única saída, fuxida para procurar axiña a compaña das anfitrioas do Deza. Mais unhas e outras non esquecen que este é un atentado visual realizado polo racional e irracional ser humano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *