Stasiuk. A outra Galitzia

cuentos galitziaMariña Pérez Rei. As fronteiras poden ser móbiles, mudables, intercambiables. A cultura e a súa pegada non, porque afonda. Galitzia é un territorio prendido dunha nube, semella levitar ao xeito de Castroforte del Baralla, vagar errante  a través do tempo coma Comala. Dacabalo entre Ucraína, Rusia e Polonia, Galitzia comparte con Galicia a proximidade toponímica, ese elo que nos rescata do esquecemento no aceno dun nome. Os romanos chamaron “galos” a todo o que non era coma eles. Pero máis alá da coincidencia dos nomes hai un pouso que nos arrastra a mergullarnos na  súa cultura. A nómina de escritores que pertenceron á zona xa é en por si sedutora: J. Roth, Celan, Morgenstern, Der Níster. Leo a Andrzej Stasiuk en Cuentos de Galitzia (Acantilado) e a Der Níster na épica novela La familia Mashber (Libros del Silencio). Retratan  lugares que navegan polo ar e que ben podiamos  prender con alfinetes na nosa Galicia por proximidade emocional. Este territorio, deconstruído sobre un pouso de pequenas aldeas e relixións, dividido lingüística e administrativamente,  foi narrado con mestría polos refuxiados de principios de século, deixándonos unha herdanza intelectual e emocional que non nos poden resultar alleas nin frías. Uns autores usaron o alemán como lingua de expresión, outros o yidish, propio das comunidades xudías que habitaban a zona, ben reflectidas por Der Níster en La familia Mashber, novela proscrita polos soviéticos, que non en balde o autor rematou os seus días nun Gulag stalinista. En Cuentos de Galitzia, Stasiuk retrata estampas cotiás da rexión, hoxe absorbida entre Polonia e Ucraína e noutrora reino independente.  Non nos resultan estraños o frío ou a paisaxe, pero son os seus personaxes fantasmagóricos e a crúa realidade os que semellan entroncar coa espiritualidade galega. Semella que de súpeto medra nas páxinas a nosa Galicia atlántica, con invernías que destrúen os ósos lentamente e casas de ladrillo á vista; con homes de corenta anos que semellan vellos, campos ermos cheos de xeada, corvos, paro e extensas soidades. Paisaxe humana de corte tradicional, esas tabernas que son confesionario, escola e catre, nas que se lle vai dando morte ao tempo e se fuma Popularne como se podía fumar Celtas. O tabaco sempre sabe a brétema. Coristanco? Aguiño? A xente viste botas de goma e bebe sen xeito ao son dalgún violín. Un letreiro nun bar reza: “Prohibido traer vodka de fóra”. Eu hai pouco lin nun autobús en Santiago: “Prohibido descalzarse”. Dukla. Silesia. Nizna. Enclaves que se achegan ao realismo máxico con pantasmas vivas e mortas que comparten a escena con resignación. Achégaseme á pasividade dos mujiks, os campesiños que debuxou Chéjov; sempre me pareceu que os seus personaxes coma os de Tolstoi destilan morriña galega. O peso do clima ou o  peso da alma?  Wladek merca un Zuk porque o seu imaxinario vital non entra nun Fiat nin nun Syrenka.  A Avoa busca a explicación da súa miseria entre as brasas. O matachín bota en falta desde o Máis Alá matar os porquiños ben cebados. Os tratos dos feirantes rematan  entre  vodka, codillo  e  suor de cabalos. A herdade aquí é ben sinxela. A vida das mulleres só se divide en ciclos de nove lúas e a dun home ben pode resumirse en  bautizo, casamento e cemiterio.cubierta mashler 3.indd A paisaxe xeada só é unha prolongación do corpo. Non é difícil que a xente perda a memoria, e porén,  sempre resta no aire un pouso elegante de identidade, mesmo no baleiro que deixa o traslado dunha igrexa ortodoxa a un museo mentres a couza rilla lenta nos santos de madeira, iconas do abandono. Neste tedio nacerán as paixóns humanas máis baixas: odios, celos, envexas cainitas. Pero as xentes acollen o asasinato e o pecado con temor de Deus, resignación, sabedoría aldeá. O monte Cergowa contempla a culpa con compaixón. Outra vez Chéjov. Por que non reminiscencias de Cunqueiro na paisaxe máxica, ou de Pedrayo na descrición dos tipos populares? Con prosa soberbia e intelixente, Stasiuk quere retratar a súa Galitzia, pero acaba  falando da nosa xeografía sentimental sen el o saber. Podemos ler sobre unha paisaxe centroeuropea e escoitar o alento atlántico na noca. E Adán volve cubrirse de arxila.

2 comentarios en “Stasiuk. A outra Galitzia

  1. Concordo con Mª Xesús no interesante do paralelismo que Mariña establece entre as dúas “Galicias” e leremos eses contos, mais non coincido cos gustos sobre Joseph Roth. Para min a marcha Radestzky é máis contundente que A Lenda do Santo Bebedor, da que por certo hai tradución ao galego en Sotelo Blanco, supoño que dos tempos do editor Carlos Lema.

  2. Moi interesante o paralelismo que establece entre Galitzia e a nosa Galicia. Non teño lido ao autor que vostede aquí comenta; mais coñezo algún dos libros escritos por Joseph Roth que, ao desaparecer o imperio austrohúngaro, quedou sen patria e fora vivir e morrer a París. Entre os seus libros, amais da marcha Radestzky, é para min o máis emotivo “La leyenda del santo bebedor”. Tamén nesta Galicia temos algúns destes santos dipsómanos.

Deixa una resposta a Antón Riveiro Coello Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *