Chapuzas

chapuzasFrancisco Ant. Vidal Blanco. Coñecín un xefe de máquinas afeccionado a chafullar en calquera avaría que tivese na casa, antes de resignarse a que o especialista viñese e lle cobrase o dobre por refacer o que el mal fixera. O resumen da súa actividade é unha constante renovación de todo tipo de electrodomésticos, tubarias, válvulas de auga, enchufes e cables eléctricos. Pero tamén, as veces que conseguía reparar algo, pasáballe á súa muller a conta: trinta euros por amañar a lavadora, máis barato ca se viñese o técnico -aseguraba-. E a esposa estaba namoradísima daquelas manciñas de ouro.

Non sei cal é a diferenza entre mañoso e chapuzas, porque se aquel é o que lle busca solución a todo, este é quen o intenta, e se un emprega tempo e cartos o outro malgástaos. Pero, asemade, non será difícil que un chapuzas evolucione a mañoso co paso do tempo e o mañoso a técnico especializado cun pouco de paciencia.

Tamén o meu amigo Moncho, enxeñeiro electrónico, un pouco levado pola envexa que nos produce a todos os afeccionados a chafullar, a fazaña cosmonáutica de pousar sobre un pedrolo que vaga polo espazo a máis de 40.000 quilómetros por segundo, un artefacto, tense quedado moitas veces fronte ó escaparate dunha tenda de xoguetes electrónicos mirando uns helicópteros de fabricación asiática que poden voar cun mando a distancia e pousar sobre o capó dun coche. Xa sabemos que non é o mesmo, pero como por algo se empeza, aló foi el, esquecendo as bonecas de fabricación levantina a convencer á súa nena de seis anos de que lle pedise ós Reis Magos un deses aparellos chinos, primeiro paso antes de percorrer as tendas especializadas en ferraxería, para lle encargar a Papá Noël un banco de traballo sueco e barato, e ó Apalpador a ferramenta made in Korea para montalo, porque o banco viña por módulos. made in koreaE conseguiu montalo ó cabo de máis de tres horas de sábado dándolle voltas ós papeis de instrucións e ás pezas, non máis de catro patas e unha plataforma sobre a que non se pode martelar porque daquela escangállase todo. Agora si, barato foi moi barato.

E unha vez argallado aló ficou el, agardando a chegada dos Reis Magos que lle ían traer á nena o helicóptero que tamén vén por partes, e que el ha de montar. Porque agora todo vén en anacos para ensamblar, que ata ese famoso arquitecto coruñés que sae en televisión por ser o arquitecto da «xente guapa», presume de construír as casas nun taller, paredes, escadas, portas e teitos, para logo ensamblalo todo na finca do cliente. E eses deben ser dos poucos módulos de fabricación nacional, porque en xeral todos veñen co made in fóra porque nos fiamos máis das chapas chinas, suecas ou coreanas ca dos ferranchos das grandes fundicións vascas, e ata esquecemos como nosos avós facían eles mesmos os seus bancos de traballo e podían cravar sobre el todas as puntas do mundo sen que se movese unha pata.

Por esquecer, ata esquecemos que a empresa coruñesa que montou a ponte de Rande está despedindo persoal, que un dos mellores e máis recoñecidos fabricantes de turbinas é Navantia Ferrol, e ten que mendigar un contracto sen o valor engadido da tecnoloxía, ou que na entrada do polígono de Sabón se argallou unha rotonda para alixeirar o tráfico, por onde non pode pasar -non cabe- un camión que trasporte os módulos de xeración eólica que se fabrican nunha empresa do polígono. Contado isto por un político que botaba balóns fóra: Xa lle buscarán sitio por onde saír. E xa sei que temos fama de ser un país de chapuzas, pero talvez sexa máis exacto dicir que somos unha panda de mañosos gobernados por un fato de chapuceiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *