Cousas da xustiza

cousas da xustizaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Este xoves, o amigo Xulio chegou cargado de filosofías e dilemas sobre as cousas raras da xustiza, e cando todos estabamos pensando que por aí andaba a monarquía co seu ADN, os poderes políticos e os eclesiásticos, sacounos da dúbida falando de algo moito menos debatido nos medios e nos parladoiros radiofónicos, tal era o caso dun mozo de Noruega a quen lle impuxeron unha multa de mil cen euros por non cumprir co traballo encargado; e claro que dito así todo parece normal, pero había que ler a letra pequena para saber que o tal traballo era liquidar a un mozo que non accedía ós requirimentos amorosos do contratista, e a multa, como queda dito, era por incumprimento de contracto. E é que neste noso parladoiro cervexeiro, a pesar de todo o que se fala e se cala, aínda cremos na xustiza, na daquí e na doutros sitios, sen que por iso nos expliquemos estas rarezas, como non nos explicamos aqueloutra pola que o xuíz do caso do Códice mandou darlle á Catedral esa manchea de cartos que tiña o electricista na súa casa, se non había recibo, se non era máis ca diñeiro negro, sen nome de procedencia nin de destino, diñeiro sen declarar e sen pagar os correspondentes impostos como paga calquera mortal con nómina. E despois de divagar, por aquí e por alá, viñemos saber que o noruegués aquel por non querer ser asasino foi acusado de caloteiro.

É mágoa que xa non estea con nós o señor Alvite, quen sempre atopaba sobre a barra do Savoy, a resposta máis adecuada a cada un dos dilemas existencialistas que nos invaden.

juezO certo é que, máis veces do que sería de desexar, as noticias da xustiza sorpréndennos (aínda non sendo da española), e temos que consultar cos expertos e googlear a tope para entender un pouco do que lle pasa pola cabeza a un xuíz cando se presentan diante del dous tipos collidos da man, un esixindo a devolución do pagado por incumprimento de contracto e o outro contrapoñendo o peso dunha moral tardía cos seus problemas de consciencia. Logo o xuíz, co código na man para asegurar que ninguén é culpable mentres non se demostre o contrario, sentencia que o único demostrable é que aquel cobrou e non executou, e polo tanto correspóndelle pagar unha multa por mentireiro e estafador, por aceptar un traballo, cobrar e non cumprir. E imaxinámonos ó fiscal e ós avogados defensores discutindo e defendendo a liberdade de consciencia e os dereitos laborais de contratado e contratista, sen que diante de tal tribunal, e para o caso que se trata, entre en discusión a vida desa terceira persoa, senón tan só a honradez laboral de contratista e contratado.

Agora, nestas divagacións que nos invaden imos dunha noticia a outra, comparamos os efectos contractuais feitos de palabra en distintos casos coñecidos, as promesas cumpridas e sen cumprir, aquí e nos candidatos a resolver os problemas do país. E pregunta Xulio con ar acratoide, ¿que multa merece un suposto caloteiro, sen sinalar a ninguén, por moito que lle cambie a consciencia de antes a despois de pasar polas urnas? Ese prometer e non dar que se converteu en marca identificadora da clase dirixente ou candidata a tal. Pero, aínda que os compañeiros de parladoiro, repasando as páxinas de información nacional, internacional e sucesos se dan por vencidos e resignados, vendo como fai auga ese barco salvador da xustiza, nós, simples letrados de a pé, sen diploma da facultade de dereito, exculpamos ó arrepentido aquel, condenamos ó mentireiro congresista e empezamos a poñer en cuestión o valor dunha vida e dun sentimento levados ó extremo do terror, cando non satisfai un capricho nin unha obsesión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *