Paola, pintora «expedita»

paolaEme Cartea. Paola García Paz no Auditorio de Rianxo. Serie de 34 óleos que ofrecen a imaxe en metamorfose dunha muller, denudada máis ca espida, que se ofrece á ollada como territorio carnal de consenso, libre de intemperies e imposicións masculinizantes. Pintura en tres cuartos, sorprendida en íntima toilette, rebeza de carnes, carácter e personalidade, nun medio escorzo de pé diante da fiestra, que se intúe culta e dona de si, e na que a ausencia de trazos fisionómicos lle outorga valor exemplizante.
Un xogo de formas xeométricas imbricadas e superpostas que, unidas ao harmónico e contrastado cromatismo dos complementarios, confírelle profundidade ao lenzo, amais de enmarcar a figura  diante desa ventá, escenario de exhibición narcisista, propicio ao voyeurismo do espectador.
Unha figuración que ilustra á obra e tamén á autora, polo uso progresista que fai do tema, do tratamento e da intencionalidade. Unha composición esencial, non de muller, senón dun seu prototipo, formada, vital, dona do seu corpo e do seu ritmo. Un recoñecemento á muller de aquí e de agora, que se sabe igual inter pares, fronte a actitudes insás e machistas.
Canto liberador
Apreciamos de vez como un destilado de toda a súa produción precedente, un canto liberador contra a masculinización da nudez feminina, que nos permite mergullarnos no seu universo moral, estético, emocional e intelectual.
Unha obra que vén resumir «o diario dunha muller expresado a través da cor e do debuxo», en palabras de Paul Valéry a outra gran loitadora e artista como foi Berthe Morisot. Pintura de liberación e emancipación, contra as relacións asimétricas e os estereotipos. Nin feminización nin sexualización como formas complexas de dominación do home sobre a muller. Aquel «xamais se inventará nada mellor que a muller espida», de Renoir, é para Paola interesado, parcial e paternalista.
paolaNeste lenzo introspectivo, a artista libera a retina e os pinceis e traza con precisión e rotundidade as marxes corpóreas, e non só a flor de pel, senón que penetra e indaga esas zonas de decisión e firmeza propias dunha feminidade ben amoblada.
Dos Tiziano (Venus de Urbino) aos Velázquez e Goya das Majas; de Courbet (A orixe do Mundo) a Manet (ai, esa Olympia!): un ideal de beleza sensual, non idealizada, alleo ao mito, á relixión, no que os temas non xustifican moralmente a nudez. Nin María nin Eva: a Muller.
Un canto á verdade e liberdade románticas a través da provocación do corpo como poder, erotismo e sensualidade. Un corpo que se ofrece, sen inocencias, como suxeito creador de arte e como obxecto de desexo. Sen falsas inocencias. Como a única defensa que permitiu a liberdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *