A voltas coa blasfemia

blasfemiaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Aínda revoa sobre nós o atentado de París e con el os de Iraq e o contubernio das Azores, o das Torres Xemelgas, o de Madrid, o do metro de Londres, os de cada día en Palestina, Xordania e o Kurdistán así como o cambio de opinión sobre a situación en Siria ó valorar quen é máis perigoso ca quen segundo a nosa comenencia. E arrepíanos a sen consciencia dos que amparados na visión integrista dunha ficción disfrazada de verdade absoluta desprezan a vida e impoñen o silencio contra o dereito máis elemental de todos, tal é o de poder opinar e pensar de maneira diferente, iso que deron en chamar blasfemia e que só exculpan co asasinato. E para que non se diga que somos destes ou daqueles, Xulio recoméndanos ler El hereje de Delibes onde a intolerancia tamén pon e impón por encima das vidas humanas a súa peculiar maneira de pensar, e invítanos a decidir que é máis importante se o primeiro mandamento ou o cuarto, se o segundo ou o quinto, se o terceiro ou o oitavo.

A blasfemia cobra maiores cotas de intransixencia cos integrismos relixiosos e as vítimas do fanatismo pasaron por todos os suplicios ó largo da historia, incluíndo a morte de Xesús na cruz ou as fogueiras da Inquisición que padeceu Servet. Alguén dirá que esas cuestións relixiosas son valores intanxibles, e quen o diga só está a un paso da intolerancia, porque na realidade só son crenzas que non se poden demostrar, e como tales suxeitas á opinión e á análise; sen confundir, evidentemente, a liberdade de expresión co insulto ou a crítica coa ridiculización ou a burla.

É evidente que para calquera relixión, e aquí si que a definición do catecismo vale tanto para cristiáns como para mahometanos, a blasfemia é negar, desprezar ou non respectar algunha das figuras do santoral ou da idolatría. Pero asemade, pola mesma definición da palabra, a blasfemia só ten ese significado para o crente desa relixión. É, por dicilo así, parte dun código de conduta interno, e impoñer a quen non pertence a ese grupo o cumprimento das súas regras, non deixa de ser un ataque contra a liberdade de culto e pensamento de cada quen. Pódese discutir, pero non condenar. Aínda así, e a pesares de que no noso parladoiro dos xoves non somos moi de misa e rosario, non lle negamos certa razón ó Papa cando nos recomenda non provocar ós intolerantes que confunden o que eles chaman blasfemia cunha palabra mal soante ou cun chiste, groseiro, posiblemente, pero unha simple chocallada ó cabo, feita sen outra intención ca criticar o radicalismo e o mal uso que os energúmenos fan das proclamas dos seus profetas e dos principios máis ou menos éticos que toda relixión di promover, porque aínda que iso que se dá en chamar blasfemia poida ser algo de mal gusto, non deixa de ser unha maneira de expresarse, e seguro que, como toda palabra conflitiva, o que uns entenden por blasfemia para outros só é unha bocalada.

Como queira que sexa, a blasfemia é a desculpa da tiranía do absolutismo para executar a todo aquel que non comungue coas súas imposicións e abre focos de fanatismo enfrontados, e aínda que queremos entender a Bergoglio cando considera a blasfemia como un dos máis rexeitables pecados de calquera relixión, á fin el réxese polo catecismo, tamén lla negamos cando na súa opinión sobre a ética e a moral chega a confundir o significado de blasfemia estendéndoo máis aló das portas da súa crenza, e confúndese igual cós terroristas de Al Qaeda, da Yihad ou os da Santa Inquisición, ó entender por blasfemia unha opinión para abrir o debate entre a relixiosidade e a humanidade, ou sobre o mal orde que seguen os mandamentos segundo a súa importancia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *