Reflexionando sobre o snobismo

snob1Gonzalo Trasbach. Mentres agardas que o sono se apodere de ti no medio do silencio da noite, nese intre de sombra e luz, cando todo semella un pouco ambiguo, indefinido, e os espectros do real espertan os medos infantís que sentías na vella casa dos teus pais naquelas solitarias e escuras noites de inverno, hai uns días asaltouche unha desacougante pregunta, como se un diaño cha musitase lentamente no ouvido para non deixarte durmir: Fuches de mozo ou de home maduro un pouco snob? E agora que xa es case un vello?

Foi unha noite convulsa, axitada. Non descansaches ata o amañecer. Cando te erguiches da cama lembraches que o día anterior leras que o veterano cantautor italiano Paolo Conte acababa de publicar un disco con ese mesmo título, unha razón pola que esa palabra tivese podido  irromper no teu entresoño. Logo, a primeira tarefa foi buscar o dicionario para mirar o significado exacto dese termo de orixe inglesa. A definición de snob di: “tendencia a admirar e imitar o considerado propio de persoas de elevada posición ou con prestixio ou todo aquilo que resulta innovador”. Levada ata o límite esta idea, concluíches, é, polo tanto, un xeito, unha forma, de vida, aínda que teña un pouco ou un moito, segundo se mire, de impostura.

snob2Cavilaches durante horas sobre a cuestión. Ao cabo duns días, a pregunta volveute sorprender no medio da noite. Pola mañá, como se tratases de tranquilizarte, acabaches por atoparlle algo positivo ao snobismo, pese a súa definición: ser un snob implica tamén ser consciente de que sabes menos do que deberías. Un snob ten fama de ser insincero (mais non é exactamente un mentireiro nin un trapalleiro). Á hora da verdade é dono dunha boa actitude cultural, pois fai un esforzo para entender e aprender uns contidos que, de primeira, non lle entran con facilidade. As obras sofisticadas, enleadas ou enigmáticas non se captan facilmente a non ser que falemos de suxeitos hipersensíbeis. É sabido que para subirse ata eses cumios é necesario facer un gran esforzo, implicarse a fondo e ser constante.

snob3E é ese esforzo o que atopaches valioso, aínda que sexa dende a perspectiva de quen só busca distinción social. E seguiches razoando: a figura do snob é impopular porque deixa claro que, para ter cultura, non chega con ser un mesmo, hai que intentar ser outras persoas. O snob non é un mero espectador, senón un archiespectador, alguén que finxe ser o mellor espectador que pode chegar a ser.

E logo, para rematar coa teima, revolvendo entre os teus papeis, atopaches unha nota de W. H. Auden que dicía: <A moda e o snobismo son unha defensa valiosa contra da indixestión literaria. Á marxe da súa calidade, sempre é mellor ler uns poucos libros con atención que follear moitos con présa e, ante a falta dun gusto persoal, que non pode formarse da noite para a mañá, o snobismo é un principio limitador tan bo coma calquera outro>.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *