De sempre, para sempre

fervenza 1Xosé Manuel Lobato. O Ézaro atesoura varias connotacións, significa vitalidade, enerxía explosiva, un senlleiro torrente de colorido que reverbera nun halo gasoso dende un epicentro de branco almafí de escuma efervescente.

O río Xallas viaxa por sendeiros diversos, dende a súa nacenza no monte Castelo ten unha infancia feliz, mais axiña encontra con todo tipo de dificultades, excéntricas e retorcidas, no seu camiñar tropeza coa represión do ousado humano nunha ladaíña de encoros irracionais e alteracións contaminantes.

No entanto, o anxo de superación e agudeza destas augas vitalicias, foi ata o momento un dúo inquebrantable para superar tantas dificultades, mesmo a súa liberdade foi cuestionada por algo que lle é inherente. Fuxir e fuxir ao seu antollo, unha propiedade usurpada durante o tempo dunha emperatriz borraxeira que acaparaba en exclusiva o leito do río.

fervenza 2Testemuñas fieis, irreverentes na súa existencia, contemplaron sen inmutarse unha odisea sen par das xalleiras, ás que saúdan efusivamente, os que reciben e veneran con fervor a estas loitadoras e indomables augas son os imperturbables que moran no paraíso pétreo da Pedregal.

O monte Pindo está formado por nobres pedras, únicas, con personalidade de seu, sensibles na súa natureza para co seu veciño nómade, pois este monumento petrificado sabe apreciar e venerar o indomable brinco de superación.

As rosadas do Pindo, achegan unha dose de vida e afoutados folgos a un camiñar fluvial,  que no derradeiro intre acaparen toda a súa enerxía para brincar decididas na conquista de liberdade.

Unha sensación que as xalleiras perciben dende o seu nacemento, unha atracción magnética irresistible ata realizar o gran salto. Entón a éxtase do pracer nunha aperta de contraste extremo entre a dozura que transportan e a salinidade que as agarda avalando e devalando sen desmaio.

fervenza 3Fervenza do Xallas e monte Pindo, un binomio perfecto e notable, profesan dende tempos esquecidos un recoñecemento mutuo, así como unha recíproca homenaxe. Un ritual sen comparanza, que nin a ousadía nin a carencia de sensibilidade do ser humano teñen dereito a destruír.

Ollando Fisterra permanecen estas dúas alfaias naturais únicas, un legado dos nosos antepasados, que todos e todas temos o deber e compromiso innegociable de preservar para que xeracións futuras gocen da auténtica beleza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *