Perder o bo buscando o mellor

corrección 1X. Ricardo Losada. Nunha conferencia oínlle dicir a Ricardo Piglia que, segundo os lingüistas, a clase media tende á hipercorrección dos textos que escribe porque non quere que se pense que é de clase baixa, mentres que as capas populares escriben con máis liberdade. Eu creo que pasa o mesmo no ámbito ético. A clase media tende á hipercorrección moral (neste caso, dos actos vitais dos demais) porque ten mala conciencia e non quere que se pense que é inmoral. Canto máis me irrite, canto máis me queixe polas inxustizas no mundo (aínda que despois non faga nada real por erradicalas), máis demostro a miña superioridade moral. Os psicanalistas chámanlle mecanismo de defensa de proxección. Acusando aos demais dos meus defectos, creo librarme deles.

     Hai uns anos coñecín un profesor cubano que viña dar clases de xadrez ao instituto de Vigo onde eu traballaba. Recordo a súa estrañeza cando nos oía chamarlle de todo aos presidentes da Xunta e do goberno, aos conselleiros e parlamentarios, aos inspectores de Educación, que nunca viamos diante, aos cargos directivos do propio centro, tomando o vermú nunha soleada terraza. Collín certa confianza con el e un día falando a soas, díxome algo que eu xa intuíra. Non era que lle estrañase a liberdade que tiñamos para criticar os gobernantes (impensable en Cuba, pero que el sabía habitual en Europa), senón que, co ben que viviamos, co felices que se nos vía, estivésemos todo o día a queixarnos. E non só iso. Cando alguén se queixaba en Cuba, díxome, era porque sufría; en España parecía que, queixándonos, sentiámonos moito mellor.

 correcto 2    Recordei esta anécdota o outro día lendo un artigo dun profesor de Filosofía que, referíndose á España actual, di: “Como adoita ser xa normal nesta ditadura neofascista (…)”. Non vou entrar no contido. Só direi que cando lin esa frase, imaxinei que pensarían dela os represaliados do franquismo, do réxime nazi ou stalinista, os homes e mulleres que viven nas numerosas satrapías que hai en África ou en Asia. Non tiven ningunha dúbida. Sentiríanse insultados e chamaríanlle insensible e soberbio a ese profesor. Púxenme na perspectiva dos refuxiados sirios, dos subsaharianos que trepan o valo de Melilla, das vítimas colaterais de tantas guerras, oíndo a aquel profesor: “Eu, tal e tal e tal, con DNI e NIF e número da Seguridade social, nómina mensual, boas condicións de traballo, vacacións pagadas ao ano, con liberdade para enfocar as clases e acceso libre a calquera información en internet, con cartos para ter unha casa digna e viaxar, vivo nun sistema totalitario neofascista”. Hai que ter moita gheta para dicir algo así, pensei, póndome no pelexo dos perdedores da historia, moitos deles asasinados, torturados e vexados ata límites inimaxinables para que ese profesor puidese vivir como vive. Está ben ser crítico co sistema, concluín, mesmo moi crítico, pero cando a miles de millóns de persoas (pasadas, presentes e futuras) lles gustaría vivir como ese profesor, esa crítica debera ser, antes que nada, agradecida. Ese profesor, penso eu, debera analizar a política co mesmo sentido común co que recibe, feliz e despreocupado, as boas notas do fillo no sistema educativo dun país que di considerar neofascista. En caso contrario, autorizaranos a deducir (proxección mediante) que o neofascista é el.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *