Museo do Mar de Noia

Museo do Mar de Noia. jpgAgustín Agra. Alén de atender á colección de cunchas e ás maquetas dos barcos, ao meu fillo gústalle enredar coa roda do leme e a bomba de achique que o Museo ten á disposición dos nenos. Antón é neto de xefe de máquinas e bisneto de patrón de pesca. Que familia da contorna non conta cunha historia semellante: unha nai ou unha avoa mariscadora; un pai, un tío, un irmán contramestre? Porén, nas nosas casas, máis alá dos tataravós, a memoria da familia dilúese no esquecemento.

Malia que hogano, co enlamado progresivo do fondo da ría, os barcos ancorados no peirao do marqués desapareceron das nosas retinas, seica a vila de Noia foi porto principal de Galiza por volta do século XVI. Como pobo, somos froito dese mar que se abre ao mundo máis alá das puntas de Testal e Abruñeiras. Daquela, por que ese universo mariño, tan próximo e omnipresente, resulta tan descoñecido para a mor parte de nós?

O obxectivo do Museo do Mar de Noia é ambicioso. Máis alá do traballo dos seus promotores a prol de conservar, recuperar, divulgar e dignificar o noso patrimonio, está a loita contra o devalar da memoria e o esquecemento, o empeño por axudarnos a comprender quen somos e de onde vimos, por recuperar unha parte do noso ADN: aqueles xenes nos que está escrita a nosa historia marítima.

Dende a fundación da Asociación Mar de Noia no ano 2004, a programación de actos e actividades (mostras, exposicións, talleres…) é continua; o número de visitantes a día de hoxe pódese contar en moitos milleiros. Mais o museo –após ímprobos esforzos– non conseguiu abrir as súas portas ata maio do 2011. O local encóntrase na antiga Praza de Abastos, a carón da desaparecida Porta dos cabaliños da muralla medieval; unha única sala sen dividir á que se lle deu forma de navío. Nas súas diferentes seccións reprodúcense o catre dun contramestre; unha ponte de mando cos seus equipos electrónicos; danse a coñecer os motores “Ayón” e “O´Forte”, deseñados e construídos en Noia; amósanse exemplares de animais mariños; exhíbense ferramentas dunha carpintaría de ribeira; tamén libros náuticos, dende novelas e diarios de navegación ata manuais técnicos e outra documentación diversa; aparellos de pesca e marisqueo; maquetas, fotografías… Rescátase, en definitiva, a memoria do oficio do mar; resucítanse, como nos poemas de Avilés, os sons que os carpinteiros lle arrincaban á madeira e o do vento nordés inflamando as velas dos pailebotes.

Máis dun cento de colaboradores, cadaquén cos seus coñecementos ou experiencia, arriman o ombreiro para conseguir levar o proxecto a bo porto. O traballo feito é grande, o por facer maior aínda. A iniciativa acolle cos brazos abertos a calquera que desexe contribuír coa súa axuda; para enrolarse como novo tripulante tan só é preciso cumprimentar a correspondente solicitude de embarque. Na ponte de mando, guiando a nave a pé firme, atópase Félix: mariñeiro, patrón, capitán…, alma máter, todo el vitalidade e entusiasmo,  encargado de abrir os xoves e domingos e, asemade, de guiar as visitas tanto individuais como de grupos –baixo petición– por este recuncho da nosa memoria: o Museo do Mar.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *